domingo 29.03.2020

As obraas da avd.de Celanvoa rematarán no primeiro trimestre do próximo ano

Prevese que o Concello licite a primeiros do ano que vén as obras de acondicionamento de viais municipais para crear a circunvalación

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada pola alcaldesa Elvira Lama, concelleiros do grupo de goberno e arroupada polos concelleiros do PP supervisou hoxe as obras de acondicionamento da OU-531, na avda. de Celanova, e a mellora de vías municipais e a racionalización da rede viaria de titularidade autonómica que se están a executar en Xinzo de Limia ao abeiro dun convenio de colaboración entre o Goberno galego e o Concello cuxo investimento ascende a máis de 2 millóns de euros.

Díaz Mouteira subliñou que grazas a esta actuación deseñada pola Xunta en coordinación co Concello, que se encarga de realizar as obras, é posible “reordenar todo o tecido urbano, pero tamén as estradas de titularidade autonómica, de titularidade municipal, as beirarrúas e o abastecemento e saneamento da estrada nacional”.

O acondicionamento da OU-531 conta cun orzamento de máis de 730.000 euros e  comprende dúas actuacións. Por un lado, a reforma do treito máis urbano na avenida de Celanova que lle confire as características e funcionalidade dunha rúa, cos seus plátanos senlleiros e deixando, nun principio, a calzada actual para un único sentido de circulación, ao tempo que se acondiciona a vía de servizo para a circulación no outro sentido. A representante da Xunta indicou que, a día de hoxe, o grado de execución é do 50% co que se prevé que estea rematada a finais do mes de febreiro de 2020. Están totalmente finalizados os traballos correspondentes á rede de abastecemento, saneamento e drenaxe;  a piques de rematar a execución das beirarrúas e da iluminación; e quedan pendentes os traballos de aglomerado dos viais, así como a sinalización, balizamento, equipamento urbano e xardinería.Ademais, o proxecto contempla limitar o tráfico pesado na rúa, que será desviado polo vial de conexión da OU-531 coa N-525 e A-52.  Actualmente executouse o movemento de terras, e restan os traballos de colocación da canalización de drenaxe, execución das cunetas transitables de formigón, firmes e outras obras complementarias.

                               Outra das actuacións incluídas no convenio de colaboración entre Xunta e Concello de Xinzo era a mellora das beirarrúas da avenida de Madrid cuxa execución está rematada e supuxo un investimento de máis de 300.000 euros.

Díaz Mouteira indicou que agora resta licitar a obra de mellora da mobilidade deste concello mediante o acondicionamento de viais municipais para crear unha circunvalación.  O concello prevé licitar o proxecto a primeiros do ano 2020.