lunes 10/8/20

Medio Rural pon en marcha a recuperación do Parque do Xurés devastado polos lumes do verán

Medio Rural pon en marcha a recuperación do Parque do Xurés devastado polos lumes do verán

    A directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz, mantivo unha xuntanza cos alcaldes e representantes das comunidades de montes afectados polos incendios forestais deste verán que devastaron o Parque Natural da Baixa Limia e Serra do Xurés. A intención foi comunicar o paquete de medidas que Medio Rural vai levar a cabo para a recuperación das máis de 3.700 hectáreas arrasadas polas lapas.

A Xunta comprometeuse a levar a cabo unha sementeira de emerxencia de especies herbáceas e arbustos, a recuperacion da vexetación da ribeira e a regulación do balance hídrico. 

Tamén manifestaron a intención de crear charcas e bebedoiros para a fauna salvaxe e sementar especies para garantir a súa alimentación. 

Así mesmo levarase a cabo a reparación de infraestruturas afectadas como o acondicionamento de camiños, pistas, áreas recreativas e señalizacións. 

A Xunta declarou a súa intención de levar a cabo campañas de educación ambiental específicas para a poboación local para sensibilizar sobre as consecuencias negativas dos incendios. 

Por outra banda dende o luns xa se publicaron no Diario Oficial de Galicia as axudas para particulares afectados polos lumes forestais de agosto e setembro, por un valor de un millón de euros. 

Comentarios