Música, teatro, maxia..e "esquecemento" encherán o verán 21 de Xinzo

cartel programación
Música, teatro, maxia..e "esquecemento" encherán o verán 21 de Xinzo
Os eventos multitudinarios substituiranse por actos selectivos e con aforos controlados para evitar os contaxios

Agardando a normalidade como auga de maio, o Concello de Xinzo vén de presentar unha programación de verán adaptada á realidade imposta pola pandemia. Os eventos multitudinarios que se celebraban tradicionalmente substituiranse por actividades selectivas e con aforos controlados. A concellería de Cultura que dirixe Ramiro Rodríguez aposta pola cultura galega e a música será a gran protagonista. Unha vintena de actos completan o programa, que ofrece dende concertos ata maxia, teatro, talleres ou cine na rúa, entre outras propostas. A intención é chegar a toda familia, prestando tamén atención aos máis pequenos da casa.

programaciónXunto coa programación deportiva de verán, serán preto dun centenar as alternativas de ocio que se ofrecerán en Xinzo de Limia a veciños e visitantes durante os meses de xullo, agosto e setembro.
Será na terceira semana de agosto cando se prevé celebrar, xunto coa asociación Civitas Limicorum, unha edición especial da Festa do Esquecemento, cun programa adaptado ás circunstancias que permita manter a chama da tradición da festa histórica.
Mentres agosto non chega ao calendario, serán moitas as actividades que encherán a vila de cultura e entretemento. Despois da proxección de “Cuñados” na praza Carlos Casares prevista para este sábado, será a música a que chegue a este mesmo escenario –todas as actuacións musicais celebraranse neste lugar ás 23.00 horas
Día 16 TOR, música folk.
Día 17 a máxia do Mago Antón, no Toural e a música da man de Terbutalina.
Día 18, contacontos con Pedro Brandariz e música con Sonoro Maxín.
Día 19, comedia musical "Ummm" de teatro Avento Producións

O sábado 24 programouse a segunda edición da Foliana Antelana no parque do Toural con “As Cantigas de Elena”, un proxecto que recompila melodías recollidas a Elena Alonso Pino. O Día da Patria, ás 12.00 horas, haberá unha ofrenda floral e a lectura dun manifesto no Parque Galicia.

O primeiro día de agosto será a maxia do circo a protagonista, cunha actuación ás 20.00 horas na praza Carlos Casares. O concerto de Óscar Ibáñez&Tribo agárdase para o 7 de agosto no mesmo escenario, mentres que o seguinte fin de semana, o sábado 14 de agosto, está prevista unha sesión de cine co título “Mª Solinha”, tamén ás 23.00 horas na praza Carlos Casares.

Despois do Esquecemento, para o domingo 22 de agosto prevese a actuación no Torual, ás 22.30 horas, de Xabier Díaz&Adufeiras. Cantante, compositor, investigador e compilador de música tradicional, formou parte de Rumbadeira, Nova Galega de Danza ou Berrogüeto, entre outros.

Tamén cómpre destacar que para os 27 de agosto está marcada no calendario a Feira Prolimia e que a Feira da Pataca e Maquinaria –que este ano une as dúas citas para convertela nun referente do norte de España- terá lugar o 3, 4 e 5 se setembro.