lunes 23/11/20

Unha ola de roubos sacudiu varios locais en Xinzo

Na cervexería Avenida os ladróns subtraeron efectos por valor de 12.000 euros, entre eles botellas, tabaco e tres televisores

REDACCIÓN [email protected] Twitter: @Dendealimia

Para a meirande parte, o Entroido é símbolo de troula e diversión, pero para os amigos do alleo resulta ser unha oportunidade ideal para facer das súas. Na madrugada do xoves, varios individuos saquearon literalmente a cervexería Avenida de Xinzo de Limia levando con eles efectos por valor de 12.000 euros.

Os ladróns penetraron no local pola porta de atrás e subtraeron un gran número de botellas de bebidas alcohólicas, pois debido ás festas os propietarios do local tiñan mercancía a esgalla. Ademais fixéronse con tabaco por valor de 1.800 euros e tres televisores, un deles destinado a un sorteo entre os clientes. Non contentos con este botín baleiraron a caixa rexistradora e os botes de propinas, así coma a despensa da que levaron queixos e xamóns e ata unha máquina para cortar friame.

O propietario Juan Manuel Andrade asegurou en declaracións a La Voz de Galicia que os cacos “eran profesionais, sabían onde estaba todo, controlaron o local e aproveitaron a circunstancia da festa”.

 Media ducia de establecementos

Aínda que o de maior contía foi o da cervexería Avenida, os furtos afectaron ata a media ducia de establecementos moi céntricos da vila. Os propietarios destes bares xa reclamaron maior vixilancia das forzas de seguridade.

Comentarios