miércoles 30/9/20
Luis Álvarez e Manuel Seoane encargáronse da presentación da segunda novela do escritor limián

Cándido Paniagua enche o salón de plenos de Xinzo na presentación da súa última obra: "48 horas"

Nun salón de plenos do Concello de Xinzo como antes non se vira, o filólogo limián Cándido Paniagua presentou a súa segunda obra literaria, "48 horas", unha novela xuvenil que narra a historia da desaparición dun mozo da vila e os esforzos para dar co seu paradoiro no prazo máximo de dous días. 
Nalgunhas das súas páxinas, o lector poderá atopar expresas referencias a este xornal, Dende a Limia

O escritor limián Cándido Paniagua presentou na tarde deste venres, no salón de plenos do Concello de Xinzo, a súa nova novela "48 horas". No acto estiveron presentes representantes da cultura limiá, entre eles, Luis Álvarez -xornalista e tamén escritor- e Manuel Seoane -recoñecido arquitecto-, que quixeron destacar a importancia da vila dende o punto de vista xeográficoarqueolóxico e o pouco aprecio que se lle dá, ás veces, á historia que garda. No evento tampouco se esqueceron do referente limián por antonomasia das letras galegas, Carlos Casares, coas súas numerosas referencias á comarca, de maneira indirecta, en obras coma "Os mortos daquel verán"

c48ce207-bc43-468b-a184-635266932d4aLuis Álvarez, á esquerda, e Manuel Seoane, á dereita, acompañando ao autor limián, Cándido Paniagua, na presentación da súa última novela "48 horas". | FOTO: Luis Veloso.

O público foi numeroso -a pesar da situación sanitaria, as medidas de saúde pública cumpríronse pola seguridade de todos os asistentes-, facendo de Cándido Paniagua a primeira persoa que case completa o aforo -reducido dacordo ás restriccións- do salón de plenos do Concello dende o inicio da pandemia.    
 

Mestre afincado en Vigo

Cándido Paniagua defínese coma "un rapaz de Xinzo" pero a historia é máis complexa. O autor de "48 horas" ten 28 anos e é natural da capital antelá. Estudou primaria no colexio Rosalía de Castro e, tras rematar o Bacharelato no IES Lagoa de Antela, marchou para Vigo estudar Filoloxía Galega.

O limián quedou afincado en Vigo, exercendo de mestre na súa especialidade, pero admite que segue mantendo o contacto coa vila. "A miña vida laboral está alí, pero a miña vida familiar, as miñas amizades... Todo está aquí", comenta Cándido Paniagua.

"Aquí tamén naceu a miña faceta como escritor", asevera o filólogo: "Nos certames que faciamos na biblioteca do instituto, tiñamos como profesora a Carmen Rodríguez, que nos meteu no corpo esa chispa para comezar".  Posteriormente, xa na Universidade, Cándido Paniagua comezaría a presentarse a certames abertos ao público nos que gañou algúns premios e accésits, para colaborar máis tarde con algunhas revistas e publicacións grupais. 

Non sería ata o ano 2018 cando publique a súa primeira novela: "O Caderno de Erros"O autor comenta que, a pesar de que non lle gusta a calificación, a súa obra podería incardinarse dentro do "boom da novela negra viguesa". 

Cándido Paniagua na presentación da súa novela "48 horas" este venres, 7 de agosto, na Casa do Concello de Xinzo. | FOTO: Luis Veloso.Cándido Paniagua na presentación da súa novela "48 horas" este venres, 7 de agosto, na Casa do Concello de Xinzo. | FOTO: Luis Veloso.

"48 horas" é a súa segunda novela, da que Cándido Paniagua comenta: "Non ten nada que ver coa primeira; gústame retarme, poñerme en situacións complicadas". Engade que a creación desta novela foi un reto para el, posto que o seu oficio de profesor lle ten ensinado, en máis dunha ocasión, a dificultade de entreter aos rapaces. A obra é de carácter xuvenil e está ambientada na vila de Xinzo, onde se produce a desaparición dun mozo: o reto é localizalo nun prazo máximo de 48 horas.

Sobre as seguintes publicacións, Cándido Paniagua fala doutro xiro: agora, cara á novela para adultos que se desenrolará no sur de Ourense. A localización é un punto moi importante para o autor, que comenta a importancia de "tirar pola terra". Nesta mesma liña, o limián confesa unha referencia ao diario da comarca que o viu nacer: "Hai un pequeno guiño a Dende a Limia nesta obra"

O escritor explica que o que máis lle gusta da súa novela é a trama secundaria: "Trátase dunha trama histórica na que conto acontecementos da Limia, mesturando lendas e datos reais". Un xogo de pistas que pretende, sobre todas as cousas, ensinar aos lectores, de forma subliminal, a historia local. 

Comentarios