Pon a túa pinga para recuperar o humidal limiao

SGNH
Pon a túa pinga para recuperar o humidal limiao
Calquera pode converterse en “beónfeitor” e colaborar coa Sociedade Galega de Historia Natural na recuperación ambiental da comarca MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO O...

Calquera pode converterse en “beónfeitor” e colaborar coa Sociedade Galega de Historia Natural na recuperación ambiental da comarca

MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO

O espírito da lagoa de Antela, os seus valores e funcións, que ata os anos 50 campaban ás súas anchas polo territorio limiao, regresarán á comarca da man da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e dos “beónfeitores”.

Hai pouco máis dun mes, estes heroes da natureza viviron un punto de inflexión na súa loita por recuperar o entorno ambiental da Limia, a formalización da adquisición dunha parcela. Esta parceliña, de pouco máis dunha hectárea de extensión, e situada na paraxe de Escudeiro, en Trasmiras, converterase en refuxio e oportunidade de ata dez especies de flora e fauna raras ou ameazadas en Galicia. Este pequeno milagre tomará forma de humidal estacional, e será quen de demostrar que a simbiose entre a conservación ambiental, e a produción agrícola na Limia é posible.

Pero como tantas outras cousas nesta vida, a parceliña non tería existido sen a xenerosidade de moitos. Estes moitos, xa máis de 900, teñen nome, son os “beónfeitores”, todos aqueles simpatizantes desta iniciativa que euro a euro, ou ben comprando o libriño solidario “A historia de Antela contada por unha cegoña”, ou ben realizando doazóns directas na SGHN, fixeron posible esta adquisición. Se benfeitor e aquel que fai o ben, e o beón é a planta máis emblemática do entorno da lagoa de Antela, a etimoloxía destes doadores está clara.

Cun euro recupéranse case dous metros cadrados

Agora a aventura continúa, e queda aínda moito traballo por facer. Ademais do aportado pola SGHN-Ourense e os que xa son “beónfeitores”, os responsables da sección de Antela precisan máis ca nunca, do apoio de todos os que comparten o soño de recuperar a riqueza biolóxica que sempre caracterizara á lagoa. É por iso que cómpre que poñamos a nosa “pinga de auga”, para que este humidal se faga realidade e medre. Cun só euro recupéranse 1,7 metros cadrados e coa compra do conto ata 3 metros cadrados. Calquera pode poñer a súa pinga e converterse en “beónfeitor”, por iso, para todos os que decidan animarse a contribuír, e investir no futuro da comarca, a SGHN pon á súa disposición unha conta bancaria na que realizar as doazóns, 2013 1843 53 0200079056.