martes 20/10/20

O PP de Xinzo presentou unha moción urxente en contra da eliminación das deputacións

BNG e XA votaron en contra e o PSdeG abstívose

Alcalde xinzo 1

    A moción que presentaron os populares no pleno de Xinzo ven tras o anuncio de acordo entre Pedro Sánchez e Albert Rivera, e a conseguinte aceptación de eliminar as deputacións provinciais. 

O PP de Xinzo quixo saír en defensa destes entes ó entender que "son as protagonistas da mellora xeral dos concellos axudando á desenvolver competencias con servizos de calidade, evitando que existan cidadáns de primeira e de segunda, dando apoio económico, técnico e asesorando ós concellos do rural". Os populares califican as deputacións como algo "imprescindible" e esíxenlle ó futuro goberno da nación que respecten estas institucións.

Pola súa banda, BNG e Xinzo Adiante rexeitaron esta moción. O voceiro dos nacionalistas, Ramiro Ródríguez defendeu a desaparición das deputacións en tanto que as considera "institucións decimonónicas, o seu sentido desapareceu coa nova distribución territorial" apuntou. Rodríguez sinalou que as funcións que asumen  as deputacións poden desempeñarse da man da Xunta, o goberno central e os concellos.

Así mesmo o nacionalista propuxo potenciar no seu lugar as comarcas. Nesta liña tamén se manifestou o voceiro de Xinzo Adiante. Manuel Pérez apoiou esa proposta de que sexan as comarca as que xestionen os recursos e engadiu "o que fai a Deputación de Ourense neste caso, é ser un chiringuito de colocación de amigos, unha estrutura caciquil e non axuda ós concellos".

Os socialistas optaron pola abstención. A súa portavoz sinalou que "as deputacións prestan servizos de cooperación con concellos sobre todos aqueles que teñen poucos habitantes e que doutra forma non poderiamos ter". Con todo Elvira Lama quixo facer fincapé en que a Deputación de Ourense non funciona correctamente lembrando que á fronte ten un presidente investigado por un posible delito de tráfico de influencias. 

Comentarios