sábado 19/6/21
274.866 € de presuposto

O primeiro dos proxectos para cambios das luminarias públicas xa foi confirmado

Sustituirán 615 luminarias no casco urbano de Xinzo
Imaxen nocturna da praza maior
Imaxen nocturna da praza maior que pronto mudará de alumeado

O primeiro paso para a substitución de 4.610 vellas luminarias por LEDs na vila de Xinzo de Limia xa está dado. O Concello vén de recibir, por parte do Goberno central, a confirmación da aprobación do primeiro dos sete proxectos que conseguirán rebaixar considerablemente a factura da luz do municipio. Concretamente, o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía da luz verde para o cambio a tecnoloxía LED de 615 puntos de luz do casco urbano.

Esta primeira inversión terá un presuposto de 274.866 euros, aportando o Estado un total de 219.893 euros. Para a substitución de 4.610 vellas luminarias deste ambicioso proxecto, o ente público nacional aportará o 80% (1.495.000 euros), mentres que  o 20 % restante, que supón unha cifra de 375.000 euros, correrá a cargo das arcas municipais. En calquera caso, para a confirmación da axuda a entidade local tivo que comprometerse á financiación do 100% da inversión (é dicir,1,87 millóns de euros).

A actuación, a desenvolver en dous anos e a través de 7 proxectos, suporá o cambio das lámpadas de todo o alumeado público do termo municipal, tanto da vila como dos 32 núcleos de poboación. O aforro será de case un 70% sobre a factura actual anual, que se eleva ata preto de 258.500 euros. As actuais luminarias municipais son de 100 vatios e apenas iluminan, o que é motivo frecuente de queixas entre a veciñanza.

A alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, recibe con satisfacción a concesión da primeira axuda das sete solicitadas para substituír todas as luces públicas do Concello por LEDs: “Celebramos este primeiro paso que nos permitirá reducir nun 70% a factura eléctrica, adicando estes recursos a outros fins. Según Lama, esta actuación “coa que pasarenos de xeito paulatino a LEDs todas as luces do municipio, ten a consideración de prioritaria para este goberno”.

Menos contaminación ambiental e mellor calidade de iluminación

Ademais, cómpre destacar que coa substitución dos puntos de luz non só se aforra na factura, senón que a calidade da iluminación aumentaría e a contaminación ambiental sería moito menor ao reducirse as emisións de CO2, un aspecto ao que o executivo local de Xinzo lle concede unha especial relevancia.

O Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) ten entre as súas funcións a financiación de proxectos e o desenvolvemento e xestión de programas de axudas públicas que afectan aos principais sectores consumidores de enerxía. A orixe dos recursos que xestiona proveñen, fundamentalmente, de Fondos Feder, o Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética e do presuposto do Estado, así como a Financiación do propio Instituto.