“Traballamos por todo o mundo e nunca atopamos tanta ignorancia coma a do alcalde de Muíños”

equipo en la embarcacion
“Traballamos por todo o mundo e nunca atopamos tanta ignorancia coma a do alcalde de Muíños”
A resposta do grupo Albiotox ás declaracións de Plácido Álvarez non se fixo esperar  REDACCIÓN A entrevista publicada o pasado domingo en...

A resposta do grupo Albiotox ás declaracións de Plácido Álvarez non se fixo esperar

 REDACCIÓN

A entrevista publicada o pasado domingo en Faro de Vigo ao alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, na que falou sobre a situación da contaminación nas Conchas, xa recibiu a reposta dos membros do grupo Albiotox. Científicos aos que aludiu nas súas declaracións, e que defenden que nos seus traballos, “ desde Malí a Noruega, nunca toparon con tanta ignorancia” coma a deste rexedor.

Os expertos da Complutense de Madrid que xa levan un par de veráns desprazándose ata Muíños para analizar as cianobacterias presentes nas augas da presa, emitiron unha nota de prensa na que dan réplica, case palabra por palabra, ás declaracións de Álvarez.

Na entrevista, o alcalde queixábase de que “se cuestionen as análises da Confederación Hidrográfica e dos científicos da Consellería e se encargue a investigación fóra”. Para Victoria López e Eduardo Costas, catedráticos líderes de Albiotox, así “soamente demostra a magnitude do seu descoñecemento, pois a ciencia é a actividade humana más internacionalizada”. Con respecto á comparación cos organismos galegos, os expertos da Complutense rebaten que eles “fan moitos máis análises, empregando moitas máis e mellores técnicas”, ademais de ter 25 anos de experiencia que os respaldan.

Aseguran así mesmo, que non actúan por encargo. Senón que, eles mesmos localizan por satélite as floracións de cianobacterias para estudalas, a pesar de se  “lles parece ben ou mal aos veciños ou aos alcaldes”. As palabras de Plácido Álvarez nas que asegura que se bañou nas Conchas e non tivo “ningunha intoxicación hepática”, os científicos madrileños defínenas como “pintorescas, por dicilo suavemente”. Eles, que estiveron alí en agosto tomando as mostras, din que non viron a ninguén bañándose, “non por temor á toxina, senón polo aspecto noxento da auga e o cheiro repugnante que desprendía”.

Ao final da conversa con Faro de Vigo, Plácido Álvarez daba a entender que era “sospeitoso” que a publicación dos resultados de contaminación no encoro coincidiran coa presentación do proxecto LIFE. Ante estas insinuacións Victoria López e Eduardo Costas explicaron que “desafortunadamente as cianobacterias non seguen a axenda dos políticos”. Finalmente deixaron claro que “non lles interesa facer política e menos en Muíños”.  Xa que antes de ter chegado alí, “non sabían nin sequera que existía”.