O Tribunal Superior de Xustiza pecha definitivamente a porta á mina de Faramontaos

p1080175
O Tribunal Superior de Xustiza pecha definitivamente a porta á mina de Faramontaos

A maior institución xudicial de Galiza ratificou a decisión xa tomada pola Xunta tralas multitudinarias mobilizacións do pasado ano 2013.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de ratificar a decisión administrativa tomada previamente pola Xunta de Galicia na que se rexeitaba a solicitude da empresa Minercer para a realización dunha grande explotación mineira de feldespatos que afectaría, nunha primeira fase, a até oito núcleos poboacionais da comarca da Limia. Tralas intensas mobilizacións guiadas no pasado ano 2013 polos veciños e veciñas de Rebordachá, Paredes, Moreiras, Laroá, San Pedro de Laroá, Seoane, Fiestras e Faramontaos, o goberno galego vírase obrigado a dar marcha atrás no proxecto mineiro.

Tralas intensas mobilizacións guiadas no pasado ano 2013 polos veciños e veciñas da Limia, o goberno galego viuse obrigado a dar marcha atrás no proxecto mineiro.

Fora un 17 de xaneiro –tamén do 2013– cando se publicara no Diario Oficial de Galicia o anuncio de información pública do proxecto de explotación, estudo de impacto ambiental e plan de restauración da concesión de explotación derivada do permiso de investigación que se lle concedera a esta empresa do País Valenciá. A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía e Industria, outorgara licenza de investigación a Minercer, que posteriormente estivo interesada en adquirir a explotación dos terreos.

O Concello de Xinzo e a Concellería de Medio Ambiente emitiron uns informes desfavorables fundamentados, principalmente, en que o proxecto mineiro afectaría de xeito negativo á nosa actividade agrícola, sector fundamental no desenvolvemento económico da nosa comarca. A administración autonómica, avalada por estes informes e presionada pola mobilización social que culminara cunha das máis grandes manifestacións que se lembran na compostelá Praza da Quintana, rexeitou conceder o permiso a Minercer S.L. en xullo de 2013. Esta resolución foi recorrida pola empresa explotadora solicitando a súa anulación.

A empresa aínda conserva opción de recurso ante o Tribunal Supremo

Cabe dicir que, malia a sentencia firme do TSX que mesmo obriga á empresa demandante a pagar a totalidade dos custos xudiciais, esta aínda conserva opción de recurso ante o Tribunal Supremo e mesmo ante instancias europeas.

O alcalde de Xinzo, Antonio Pérez, manifestou ao diario La Región "a alegría por parte do Concello" ante a decisión adoptada polo TSX. Así mesmo, o voceiro de Xinzo Adiante, Manuel Pérez Campos, lembra ao dendealimia.com que "a Xunta de Galicia viuse obrigada por esta presión social a negarlle o permiso de explotación e defender á maioría social que se quería agredir". Así mesmo, afirma que isto desmostra "que a cidadanía non debe tan só exercer o seu dereito de votar cada 4 anos –que tamén– senón que no caso de que as persoas que son elixidas para gobernarnos non o fagan, deben organizarse e presionar colectivamente". María Díaz, a presidenta da Plataforma Corno do Monte, tamén se alegrou desta decisión pois, de darse a situación contraria "tería sido un desastre para a comarca".