martes 4/8/20

A Vía Nova e o Val do Limia máis preto de ser Patrimonio Mundial

A Asociación Cultural ARNAU da Baixa Limia ven de presentar a súa candidatura

A Vía Nova e o Val do Limia máis preto de ser Patrimonio Mundial

    A Asociación Cutural ARNAU Baixa Limia presentou toda a documentación que xa está en mans do Congreso dos Deputados en Madrid. En ditos papeis inclúese toda a información precisa para que a Vía Nova e o Val do Limia pasen a ser Patrimonio Mundial. 

Neses documentos faise referencia ós miliarios do Xurés, Congostro e Vilariño das Poldras; ás Mansios de Aquis Querquennis e Aquis Originis,  ó campamento romano de Aquis, ó forum limicorum e ós propios restos da vía. Dende ARNAU apuntan que tamén se adxunta como legado a Igrexa de Santa Comba "pois por este camiño romano que logo derivou en medieval, entrou o culto a San Trocado e Santa Comba foi un centro de peregrinacións, previas a Compostela", matizan. A maiores adxúntase o Patrimonio etnográfico do núcleo histórico de Congostro.

A idea coa que traballa dita Asociación Cultural é "involucrar a todo o texido asociativo das dúas comarcas que forman o Val do Limia, sobre todo dos concellos de Lobios, Entrimo, Lobeira, Muíños, Bande, Rairiz de Veiga, Vilar de Santos, Sandiás, Xinzo de Limia, polos cales pasa a Vía Nova e poden incorporar parte do seu legado á candidatura",

Os responsables da Asociación traballan coa posibilidade de integrar ós concellos portugueses de Terras de Bouro, Amares e Braga, por onde tamén pasa a Vía Nova.

O fin desta proposta é que si se declara Patrimonio da Humanidade, pódese axudar a impulsar a recuperación da comarca, frear o despoboamento con incentivos ó comercio e promover o turismo. Consideran dende ARNAU que se acadaría unha importante reactivación económica e demográfica por onde transcorre a vía. 

Ó mesmo tempo tamén establecen que se protexería o patrimonio, freando a súa degradación e conservando todo o legado para futuras xeracións. 

Comentarios