viernes 27/5/22

A Asociación A Pantalla e o Concello recuperan A Feira das Mozas como homenaxe ás tradicións “que tanta vida lle deron ao noso pobo”

“Con esta iniciativa porase en valor a nosa cultura e a nosa forma de vivir as feiras, tendo en conta que as de Xinzo de Limia gozan de gran relevancia non só na provincia, senón en toda Galicia”-Elvira Lama.

Entre o Entroido e o Esquecemento haberá en Xinzo de Limia unha nova celebración que tamén agarda ser un referente. Cada  14 de maio a partir de agora, limiaos e visitantes viaxarán décadas atrás no tempo coa Feira das Mozas. Trátase dunha celebración cun marcado carácter tradicional e que organiza a Asociación A Pantalla en colaboración co Concello e Política Lingüística. Trátase de revivir a feira como a recordan os máis maiores do municipio e, ao mesmo tempo, render homenaxe ás tradicións “que lle foron dando vida ao noso pobo”, tal e como afirmou Iván Prado, representante da entidade organizadora. Tamén explicou que Feira das Mozas era como se chamaba á do 14 de maio por ser “a data na que comezaba o bo tempo, cando había máis intercambio social e os rapaces e rapazas comezaban os seus romances”. Para que a celebración sexa o máis real posible, repartiranse caraveis para que leven os asistentes e, segundo a cor da flor, mostren se están solteiros ou dispostos a namorarse.

O concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez, tamén agradeceu a colaboración da entidade cultural co Concello e confía en que sexa todo un éxito e poida consolidarse no tempo: “Engadimos así unha nova data no calendario festivo de Xinzo para lembrar as tradicións do noso pobo”, explicou.