sábado 12/6/21
DECISIÓN DA ALCALDÍA SEN PRECEDENTES PARA LOITAR CONTRA A PANDEMIA

Xinzo adianta pola súa conta o toque de queda ás 8 da tarde ante o continuo incremento de contaxiados

Como carece de competencias para impoñelo, hoxe mesmo publicará un bando con esta recomendación, esperando a complicidade cidadán

Xinzo decidiu adiantar o toque de queda ás 20:00 horas e ademais pediralle aos comercios non esencias que pechen ás 18:00, á mesma hora á que o ten que facer a hostalería, en solidariedade con ela e para facilitar o novo toque de queda. Como a entidade local carece de competencias para impoñer estas restricións, opta pola vía da recomendación, para que a partir de mañá, martes, tantos veciños e veciñas como comerciantes as adopten. Para elo, publicará hoxe mesmo un bando con estas e outras medidas.

O detonante desta decisión é a crecente preocupación polos datos de contaxiados, que onte, domingo, acadaron un novo pico de 171 nunha poboación de menos de 10.000 habitantes, o que supón unha das incidencias máis altas do país.

Esta situación, unida ao resultado do cribado realizado o sábado, levou á alcaldesa, Elvira Lama, a convocar onte reunións telemática de urxencia cos membros do goberno local para acordar estas e outras medidas disuasorias para reducir a mobilidade.

A primeira foi a xa comentada de adiantar o toque de queda ás 20:00 horas en todo o termo municipal, algo que por unha cuestión de competencias o Concello so pode realizar pola vía da recomendación e así quedará reflectido nun bando.

Ao tempo, fai un “un chamamento a poboación para que só saia das súas casas para as actividades esencias”, entendendo por tales traballo, formación, compras, consultas médicas e atención e acompañamento de maiores ou menores.

A virulencia desta terceira onda leva ao goberno de Xinzo a pedir a toda a cidadanía un esforzo adicional de responsabilidade individual e colectiva para frear a transmisión e tratar de baixar o número de contaxiados o mais rápido posible.

Os datos de Xinzo son especialmente alarmantes, con 171 casos activos onte no termo municipal e 131 no resto da comarca, o que eleva a 302 o total de contaxiados nunha poboación de menos de 20.000 habitantes en toda a bisbarra.

“Ante esta alarmante situación, que estamos seguros empeorará durante os próximos días, non queda outra solución máis que reducir a mobilidade ao mínimo indispensable. E como as administracións que teñen a capacidade e as competencias para facelo non o fan, daremos nos o primeiro paso. Sabemos que non podemos impoñer novas limitacións máis alá das nosas competencias, pero estamos dispostos a chegar ata o límite das que temosnos”, explica Lama Fernández.

Algunhas destas medidas foron compartidas onte mesmo coa asociación de comerciantes PROLIMIA, á que se lle pediu dende o goberno local solidariedade coa hostalería adiantando o horario de peche as 18:00 horas, salvo para os establecementos que realicen actividades esenciais (alimentación, farmacias, telecomunicacións…).  Con este adianto tamén favorecerán o novo toque de queda local.

O Concello tamén acordou pechar os recintos e instalacións deportivas e precintar os parque infantís. Tamén quedarán suspendidas todas as actividades culturais e deportivas e pediráselle á cidadanía que os tramites administrativos municipais se fagan por medios telemáticos ou previa cita no 988550111.

Outra das accións será redobrar a intensidade da desinfección de rúas, prazas e espazos públicos da vila e dos pobos con medios municipais e tamén coas sulfatadoras dos agricultores que se presten voluntariamente a facelo, para o que se establecerá un dispositivo especial coordinado polo propio concello.

“O único importante -engaden- é a saúde da poboación, reducir o número de ingresos hospitalarios e evitar que se produzan mortes. Para elo é imprescindible reducir ao máximo a mobilidade e non saír da casa salvo para o imprescindible, evitar os contactos sociais e extremar as precaucións, seguindo sempre as normas sanitarias”.

O Goberno local espera a comprensión e complicidade da poboación ante estas novas medidas, pois delo dependerá que sexan realmente eficaces, ademais de lembrarlle que “o noso Concello está no nivel máximo de alerta e pechando perimetralmente”.

En paralelo, urxe aos gobernos central e autonómico a que se poñan de acordo para tomar medidas realmente proporcionadas coa gravidade de situación, tanto en Xinzo como no resto do país.

Xinzo adianta pola súa conta o toque de queda ás 8 da tarde ante o continuo incremento...
Comentarios