miércoles 30/9/20
As tarefas de recuperación do monumento contan cun orzamento de máis de 71.000 euros

A Xunta aproba a restauración da Torre da Fírbeda, en Porqueira

Os traballos teñen como finalidade avaliar as posibles deficiencias, corrixir as patoloxías existentes e mellorar o estado de conservación deste importante elemento do patrimonio histórico da comarca.

A Torre da Fírbeda, en Porqueira, será restaurada nos próximos meses. | FOTO: Cedida.
A Torre da Fírbeda, en Porqueira, será restaurada nos próximos meses. | FOTO: Cedida.

A Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia vén de confirmar a adxudicación correspondente ás tarefas de restauración da Torre da Fírbeda, en Porqueira, por un importe de máis de 71.000 euros -que serán cofinanciados ó 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020-.

Trátase dunha intervención que pretende poñer en valor este elemento declarado Ben de Interese Cultural (BIC), coa categoría de monumento, que forma parte da rede defensiva da Limia xunto coa Torre da Pena (Xinzo de Limia), a Torre de Ceme (Rairiz de Veiga), e a Torre de Sandiás -onde a restauración foi adxudicada hai só unhas semanas-.   

Os traballos que se porán en marcha, e que contan cun prazo de execución de 3 meses, teñen como finalidade avaliar as posibles deficiencias, corrixir as patoloxías existentes e mellorar o estado de conservación deste importante elemento do patrimonio histórico da comarca.

Concretamente, as tarefas céntranse na situación da cuberta, da carpintería e das instalacións onde é preciso intervir para conservar a súa aparencia orixinal do século XII.

Tras avaliar as deficiencias e considerar as patoloxías existentes, desmontarase e eliminarase a carpintería metálica da cuberta e das tellas e placas, para instalar un illamento térmico e cubrir con nova tella de cerámica, segundo indican as fontes oficiais.

Ademais, debido a que a carpintería actual non impide a entrada de auga, cómpre crear unha nova carpintería de madeira que evite o deterioro dos elementos interiores. Os traballos inclúen tamén a substitución do pararraios existente e a instalación dun proxector con tecnoloxía LED.

A Torre da Fírbeda foi construída nos séculos XI e XII co obxectivo de impedir os intentos de invasión procedentes de Portugal e controlar a Lagoa da Antela. Xunto co resto das torres da rede defensiva, ésta edificación foi testemuña de acontecementos históricos diversos e resultan imprescindibles para coñecer e estudiar o pasado da nosa Comunidade.

Comentarios