miércoles 4/8/21

O conselleiro do Medio Rural reuniuse por vía telemática coa alcaldesa de Porqueira

A Xunta e o Concello de Porqueira colaboran para poñer en valor os recursos do agro neste municipio ourensán

porqueira
Reunión telemática de Susana Vázquez co Conselleiro de M.Rural

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo unha xuntanza telemática coa alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez, para coñecer de primeira man as necesidades e demandas dos veciños deste municipio ourensán relacionadas co agro. No encontro tamén participou a directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé.

Nesta reunión, a rexedora amosou o seu interese pola iniciativa das aldeas modelo que impulsa a consellería, con vistas a valorar a posibilidade de solicitar unha destas figuras para o seu concello. Con esta ferramenta búscase dotar de actividade agrogandeira ás franxas próximas aos núcleos de poboación, para xerar riqueza, dinamizar a contorna e, ao tempo, anticiparse aos lumes forestais.

Por outra banda, a xuntanza de traballo serviu tamén para avanzar no aproveitamento dos montes situados no termo municipal, tanto desde o punto de vista da súa riqueza madeirable como non madeirable. Neste último caso, a alcaldesa e os responsables de Medio Rural avaliaron diferentes vías de colaboración para poñer en valor os recursos micolóxicos con que contan os seus terreos forestais.

O conselleiro do Medio Rural reuniuse por vía telemática coa alcaldesa de Porqueira