lunes 21/9/20
A iniciativa "Camiños da Identidade" é un proxecto a nivel galego que pretende poñer en valor o rural e potenciar o produto local

Porqueira promociona o seu patrimonio natural e cultural con rotas de sendeirismo e obradoiros musicais

Son cinco os municipios seleccionados en toda Galicia, dos cales só un se atopa na provincia de Ourense. En Porqueira, os rasgos identitarios a destacar da cultura galega son a auga e a música.  

A alcaldeza de Porqueira, Susana Vázquez, e o profesor de música no grupo "Vai De Vagar", no centro, reunidos coas representantes da empresa organizadora das rutas para a presentación da iniciativa "Camiños da Identidade" o pasado sábado, día 1 de agosto. | FOTO: Cedida.
A alcaldeza de Porqueira, Susana Vázquez, e o profesor de música no grupo "Vai De Vagar", no centro, reunidos coas representantes da empresa organizadora das rutas para a presentación da iniciativa "Camiños da Identidade" o pasado sábado, día 1 de agosto. | FOTO: Cedida.

"Camiños da Identidade" é un proxecto que pertence ao programa "O Teu Xacobeo" da Xunta de Galicia e está co financiado cos concellos que participan nel: trátase de cinco municipios que teñen menos de 3.000 habitantes e pertencen ao rural de interior galego.

Mondoñedo e Triacastela son os seleccionados na provincia de Lugo; Rodeiro en Pontevedra; Cabanas na Coruña e, no caso de Ourense, o elexido é Porqueira. O que se pretende é crear un produto turístico, entendendo o turismo coma unha ferramenta de desenvolvemento local.

En cada municipio, lévase a cabo unha análise do territorio para salientar algún rasgo identitario da zona: a expectativa é producir un compendio xeral da identidade galega a través da análise dos cinco en conxunto. É un proxecto a nivel local, pero tamén a nivel galego; neste sentido, cada persoa pode facer os cinco camiños da identidade ou vincular rutas libremente. 

Os participantes na Ruta da Fervenza do Fírbeda e da Forxa, o pasado sábado, 1 de agosto, dentro das iniciativas "Camiños da Identidade" no Concello de Porqueira. | FOTO: Cedida.Os participantes na ruta polas Fervenzas do río Fírbeda e da Forxa, o pasado sábado, 1 de agosto, no Concello de Porqueira. | FOTO: Cedida.

Natureza e rutas 

En Porqueira, unha das identidades está moi vinculada á natureza e á cultura: o máis destacado é a auga e a música. Por unha banda, o que se presenta son as rutas turísticas destinadas a poñer en valor o patrimonio natural e arquitectónico do concello. 

O pasado sábado, na presentación do proxecto, tivo lugar a ruta polas Fervenzas do río Fírbeda e A Forxa, que comezou cara as 10:00 horas da mañá. As rutas son recoñecibles e adoitan estar moi ben sinalizadas, pero existen unha serie de trípticos a disposición dos visitantes e que axudan á localización. 

Cultura e axentes locais

Por outra parte, preténdese adicar certa relevancia aos axentes locais que son: os bares, as casas de turismo rural e os obradoiros de música tradicional galega. Anímase aos participantes a quedar a comer na localidade, previa reserva, e acudir aos encontros musicais organizados polo obradoiro de percusión tradicional "Son De Pau" que se atopa en Reboreda

Na presentación, ás 17:00 horas da tarde, os asistentes puideron observar un vídeo promocional que destacou os recursos paisaxísticos, patrimoniais e humanos de Porqueira. O encargado de amenizar a celebración foi o grupo de música tradicional Vai de Vagar, que actuou na zona das piscinas municipais. 

A alcaldesa do Concello de Porqueira, Susana Vázquez, explicou sobre a iniciativa que "moitas veces é imposible que no rural se veña implantar o que nos gustaría a todos os alcaldes: organizar unha gran empresa, con postos de traballo e ingresos a outro nivel. (...) Hai que empezar dende abaixo"

Dende "Camiños de Identidade" preténdese potenciar unha Porqueira diferente que anime á xente a vir visitala e coñecela. Susana Vázquez explicou que, para a súa sopresa, a xente estase interesando polo proxecto que semella que terá unha boa acollida na zona.

Comentarios