lunes 28/9/20
Os puntos informativos instalaranse en Bande, Muíños, Calvos de Randín, Entrimo, Lobios e Lobeira

Os visitantes do Xurés disporán de pantallas táctiles á súa entrada, con información do parque natural

Medio Ambiente acaba de adxudicar un contrato -por valor duns 27.000 euros- para a adquisición, instalación e mantemento dos 6 dispositivos.

Reserva da Biosfera do Gerês-Xurés, no Concello de Lobeira. | FOTO: Recuperada.
Reserva da Biosfera do Gerês-Xurés, no Concello de Lobeira. | FOTO: Recuperada.

Segundo informa Medio Rural, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de asinar o contrato por un importe de 27.429,49 euros -IVE incluído- para a adquisición, instalación e mantemento de seis novos puntos de información virtual que se situarán en cada unha das entradas galegas á Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés.

A actuación está cofinanciada ó 75% pola Unión Europea, a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) do programa de cooperación INTERREG VA ESPAÑA- PORTUGAL 2014-2020.

Coas novas pantallas, preténdese mellorar a información dispoñible para os visitantes que se acheguen ata este espazo natural. Entre os requisitos mínimos, os novos dispositivos deberán dispoñer dunha pantalla de 32 polgadas, tipoloxía LED e formato de 16:9, tecnoloxía táctil e sistema de carga de información a través de USB.

Tamén contarán cunha cuberta de aceiro resistente a exteriores e unha cuberta de vidro antideslumbrante, un pé de ancoraxe ao chan, cristal especial temperado de 5 milímetros e antirreflectante, así como protección fronte a cambios meteorolóxicos e posibles actos vandálicos.

Un exemplo do tipo de dispositivos electrónicos que se plantexan para cubrir os seis puntos de entrada ó parque natural do Xurés. | FOTO: Cedida.

Un exemplo do tipo de dispositivos electrónicos que se instalarán nos seis puntos de entrada ó parque natural do Xurés. | FOTO: Cedida.

Os novos dispositivos de información virtual instalaranse nos seis puntos de acceso ó parque natural que hai en Galicia: no Concello de Bande localizarase xunto ó Centro de Interpretación do campamento Aquis Querquennis e para a súa instalación precisarase unha condución exterior de cable de 15 metros de lonxitude. En Entrimo, estará localizado na entrada da Biblioteca municipal e, para a súa instalación, será preciso dispoñer un cable de 10 metros no exterior e outros tantos para o interior do edificio. 

Os dous municipios son os únicos que precisan realizar algún tipo de obra para a instalación dos dispositivos; as catro localidades restantes, exímense de obrar para colocar as pantallas.

En Muíños situarase xunto a unha parede na entrada do Centro de interpretación Porta do parque de Muíños ; no caso do Concello de Calvos de Randín, este dispositivo estará localizado na fachada do concello. Tanto no Concello de Lobios coma no de Lobeira, ambos dispositivos situaranse xunto á parede de entrada do Centro de interpretación Porta do Parque de Lobios e adosado a unha parede na entrada do centro de interpretación Porta do Parque de Lobeira. 

Ademais de realizar a instalación das novas pantallas táctiles, a empresa adxudicataria tamén se compromete a encargarse de prestar durante un prazo de 60 meses o correspondente servizo de mantemento e asistencia técnica.

Os visitantes do Xurés disporán de pantallas táctiles á súa entrada, con información do...
Comentarios