sábado 14.12.2019

"Aldea modelo" en Rairiz de Veiga

O Conselleiro José González recibe a alcaldesa Asunción Morgade no seu despacho da Xunta
"Aldea modelo" en Rairiz de Veiga

O conselleiro do Medio Rural, José González, vén de reunirse coa alcaldesa de Rairiz de Veiga, Asunción Morgade, para coñecer de primeira man as necesidades e demandas dos veciños deste concello ourensán relacionadas co agro. Así, entre os temas tratados, destacou a posibilidade de crear unha aldea modelo neste municipio e así poñer de exemplo de prevención e de desenvolvemento económico a un núcleo deste concello.

Durante a reunión, tanto o conselleiro como o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, que tamén estivo presente no encontro, explicaron en que consiste esta iniciativa que ten como principal obxectivo defender as persoas e os bens dos incendios forestais mediante diversas actuacións enfocadas á posta en marcha de actividade agrogandeira na franxa dos 50 metros próxima ás vivendas. Neste caso apostaríase por orientar eses terreos a diversas producións agrícolas relacionadas coa comarca ourensá da Limia, á que pertence este concello.

Neste senso, a alcaldesa mostrouse moi interesada e comprometeuse a analizar a situación actual das súas aldeas para atopar unha candidata idónea. Pola súa banda, o titular de Medio Rural agradeceu a súa disposición para traballar todos xuntos na protección do rural e incidiu en que, a través desta figura, ademais de executar a limpeza das chamadas franxas secundarias é determinante poñelas a producir para que actúen como devasa natural fronte aos lumes forestais.