viernes 7/8/20

Medio Ambiente analizará a viabilidade de colaborar na humanización do núcleo da Saínza no Concello de Rairiz de Veiga

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse coa rexedora Asunción Morgade, quen lle fixo entrega dunha memoria valorada con todos os detalles sobre o proxecto

Medio Ambiente analizará a viabilidade de colaborar na humanización do núcleo da Saínza no Concello de Rairiz de Veiga

Ángeles Vázquez, comprometeuse a estudar posibles vías de colaboración no proxecto para a humanización de varias rúas no núcleo da Saínza, no Concello de Rairiz de Veiga. Así llo trasladou á rexedora Asunción Morgade, coa que mantivo unha reunión de traballo na que abordaron diversos asuntos de interese para este municipio ourensán.

Durante a xuntanza, a alcaldesa entregoulle á conselleira unha copia da memoria do proxecto redactado polo concello, ao tempo que lle trasladou a súa intención de contar coa colaboración da consellería e incluso doutras administracións públicas para poder levalo adiante.

En concreto, a rexedora explicou que a intervención prevista consiste na construción de beirarrúas nun tramo de 200 metros do núcleo de Saínza, un dos que máis poboación concentra no municipio e localizado a carón dunha das estradas tamén máis transitadas. Esta situación explica a importancia dun proxecto que, tal e como lle trasladou Asunción Morgade á conselleira, contribuirá a mellorar as relacións entre a veciñanza e terá un impacto moi positivo sobre a seguridade viaria desta zona.

Cómpre lembrar que a Consellería de Medio Ambiente promove e colabora a través de diversas liñas de axudas dirixidas aos concellos no desenvolvemento de intervencións urbanísticas orientadas a frear o despoboamento do rural, potenciar as infraestruturas, os servizos e os equipamentos municipais e, en definitiva, mellorar o benestar e a calidade de vida da poboación das vilas e cidades galegas.