Un Óscar entre os hórreos de Congostro

congostro
Un Óscar entre os hórreos de Congostro

Nico Casal visita o seu pobo paterno co prestixioso galardón

Nico Casal visitou esta fin de semana o pobo natal do seu pai, Congostro, no concello de Rairiz de Veiga. Foi recibido como unha eminencia e non era para menos. Este mozo compuxo a banda sonora da curtametraxe "Stutterer" , dirixida por Benjamin Cleary, que gañou o Óscar nesta categoría no pasado mes de febreiro.

Ninguén quixo perder a oportunidade de darlle a noraboa a este talentoso compositor e aproveitar para sacarse unha foto con el. Os que estaban orgullosos a par que emocionados foron os seus familiares máis pretos, entre eles os seus avós que non sacaron o sorriso da cara.

O domingo soleado e con temperaturas agradables acompañou a celebración que se viviu en Congostro onde por suposto non faltaron uns petiscos.

Con raíces en Rairiz de Veiga, Nico leva en Londres dende 2011 onde estudou un máster de composición ó tempo que traballaba na hostalería ata que puido dedicarse por completo a súa paixón. A primeira vez que compuxo unha peza foi con 18 anos e aí descubriu o seu camiño.

Agora a súa carreira musical está subindo como a escuma e acaba de compor a música do novo anuncio de Estrella Galicia.