O PP de Ourense desenténdese de que o alcalde de Rairiz non dimita do seu cargo

O PP de Ourense desenténdese de que o alcalde de Rairiz non dimita do seu cargo

O rexedor mantén que aínda non se lle notificou a sentenza que o inhabilita

Xaquín Rodríguez segue sendo o alcalde de Rairiz de Veiga pese a condena firme de 8 anos e medio de inhabilitación emitida pola Audiencia Provincial. O martes presidiu un pleno municipal no que se procedeu ó sorteo das mesas electorais do vindeiro 20 de decembro. O rexedor de Rairiz mantén que aínda non lle foi notificada a sentenza de maneira persoal e polo tanto non presentou a súa renuncia.

Ante isto, o presidente do PP e da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, sinalou que a decisión de Xaquín Rodríguez é "persoal" e apunta que "renunciou á militancia no seu momento e, por tanto, o PP non ten nada que facer". Baltar sinala que polo momento non se reuniu cos concelleiros populares de Rairiz para abordar que pasará no caso de que o alcalde dimita.

Pola súa banda, o PSOE mantén que si é competencia do PP de Ourense abordar esta situación, pois din, "o concello sigue sendo do PP". O portavoz socialista Pablo Lorenzo apunta que debemos estar ante "o primeiro alcalde en democracia que preside un pleno inhabilitado". Plenos ós que os socialistas non van acudir ata que Xaquín Rodríguez non abandone o seu cargo de alcalde de Rairiz de Veiga.