viernes 14/5/21

OS VECIÑOS DE RAIRIZ DE VEIGA DISPORÁN DUN PUNTO LIMPO MÓBIL PARA A RECOLLIDA DE RESIDUOS URBANOS

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mantivo un encontro coa rexedora municipal á que lle trasladou que a Deputación de Ourense resultou beneficiaria dunha axuda para mellorar a xestión dos residuos, así como para a posta en marcha dun proxecto de fomento da compostaxe ‘in situ’

201201 Rairiz2

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou á alcaldesa de Rairiz de Veiga, Josefa Asunción Morgade, que grazas a unha axuda que recibirá a Deputación de Ourense, á que lle ten delegadas as competencias en materia de residuos, os veciños de Rairiz de Veiga disporán dun servizo de punto limpo móbil para a recollida de residuos voluminosos urbanos, así como a posibilidade de participar nun proxecto de fomento da compostaxe in situ.

Ángeles Vázquez e Josefa Asunción Morgade mantiveron un encontro -a través dunha videoconferencia- na que analizaron proxectos de interese para o concello. Nese sentido,a conselleira recordou que recentemente se comunicaron estas axudas concedidas pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, das que resultou beneficiaria a Deputación de Ourense con case 170.000 euros para ambos proxectos.

Outro dos temas abordados na reunión foi a evolución dos traballos da obra de mellora e humanización de varias prazas públicas deste municipio, unha actuación que se executa ao amparo dun convenio de colaboración, que recolle o compromiso da Xunta de achegar un 70% do orzamento necesario para a execución dos traballos. Vázquez Mejuto lembrou que se trata dunha actuación que forma parte do Plan hUrbe, posto en marcha polo Goberno galego para mellorar as condicións e as contornas urbanas; ao tempo que se colabora cos concellos a facer fronte a proxectos que -en ocasións- teñen un custe orzamentario elevado para as arcas municipais.

Por último, a conselleira de Medio Ambiente invitou á rexedora municipal a participar das liñas de actuación que habilita a Consellería, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo, para incrementar o parque de vivendas sociais. Nese sentido, lembroulle o Programa de rehabilitación de vivendas de mestres, posto en marcha en 2017, que permitiu actuar en 125 vivendas, que agora forman parte do patrimonio municipal e que dan resposta á demanda social existente do concello que rehabilita, ou incluso ás situacións de emerxencia social.