martes 21/9/21

Agrelsan garantiza a gobernabilidade de Sandiás e din non ter medo ó contar co apoio do pobo

Volverán retomar as negociacións co PSOE polo benestar do concello

Felipe Traveso, rexedor de Sandiás pola Agrupación de Electores de Sandiás

    O grupo que goberna o concello de Sandiás perdeu un membro e agora Agrelsan quedouse con tres concelleiros. Deste xeito e como apunta o rexedor, Felipe Traveso, "non temos unha maioría absoluta, temos unha minoría simple, seguimos gobernando, somos os que máis votos acadamos". Contan co respaldo dos veciños e veciñas, en concreto dos 430 que os votaron nas eleccións de 2015.

Logo de que o PSOE rompese o acordo con Agrelsan, retomarán as negociacións na busca dun entendemento para garantir o benestar do Concello, "non temos medo porque temos o apoio do pobo, si temos que gobernar sen a maioría absoluta farémolo, agora ben, si podemos chegar a acordos puntuais cos outros grupos farémolo, todo o que sea bo para Sandiás", apunta o rexedor. Así as cousas Felipe Traveso insiste en que "quen gañou as eleccións fomos nós, non o PSOE, temos unha posición privilexiada gústelles ou non", en alusión a críticas por parte da oposición sobre a maneira de actuar de Agrelsan.

Son a representación do cambio, en tres meses lograron desbancar a alcaldesa popular que levaba case 40 anos gañando as eleccións en Sandiás. Con todo eses triunfos da anterior rexedora, estiveron sinalados pola manipulación. Sonada foi a denuncia presentada por Traveso contra Concepción Méndez, por urxir a unha octoxenaria a que votara por correo. A isto súmaselle o feito de que o actual alcalde recibiu novas de que as asistentas de servizo no fogar tiñan ordes de pedirlle ós anciáns que emitisen o seu voto vía correo. Traveso sinala que durante a campaña electoral traballaron arreo para frear estas malas prácticas, "en Sandiás votaba sempre un 87% ou 90%, eso é unha animalada, manipulación pura e dura, a media está nun 60%", apunta.

O alcalde di sentirse tranquilo e que seguirán apostando pola transparencia cunha xestión centrada na optimización dos recursos. Sinala que ampliaron a asistencia ó fogar e conseguiron aforrar con medidas de base como cambio de compañía de teléfono, o que supuxo un aforro de 1200 euros ó ano. Na misma liña sitúase a xestión dos tractores desbrozadora, co cambio de gasóleo A polo agrícola, máis económico, e coa instalación dun depósito de 1000 litros en Sandiás, o que lle permite reducir custes de desprazamento.

Por diante o Concello ten pendentes acometer as obras de remodelación dunha das vivendas onde está o Centro Social e a Casa da Cultura. Outro dos proxectos cos que traballan é o polideportivo, pretenden pechar as instalacións para facer máis accesible o seu uso. 

Felipe Traveso está convencido do proxecto e o seu obxectivo é conseguir o mellor para os veciños e veciñas de Sandiás. Logo do cambio que conseguiron o alcalde conclúe en ton bromista, que "esto deberíase estudar na Universidade, porque o que fixemos nós non é capaz de facelo calquera". 

Comentarios