miércoles 12/8/20
Sandiás estrea nova ordenación fiscal de vehículos

Os vehículos de máis de 25 anos non pagarán impostos en Sandiás

O concello convoca tamén unha bolsa de emprego para un "auxiliar de atención municipal".

Felipe Traveso, rexedor do municipio pola Agrupación Electoral de Sandiás
Felipe Traveso, rexedor do municipio pola Agrupación Electoral de Sandiás

O concello limián de Sandiás vén de aprobar unha nova ordenanza fiscal reguladora do imposto de vehículos de tracción mecánica, que entrará en vigor en xaneiro do vindeiro ano 2017. Así o acordou de maneira provisional o pleno ordinario do municipio celebrado o pasado 26 de setembro. A principal novidade desta nova norma municipal radica na posibilidade de que aqueles propietarios de vehículos con máis de 25 anos poidan solicitar a exención deste imposto municipal no consistorio. O rexedor independente da localidade, Felipe Traveso, afirma que se "deixaron os impostos para os demáis vehículos na contía mínima permitida pola lei" e que se trataba dunha vella demanda dalgúns veciños. 

A razón da aprobación desta nova ordenanza é que, ante a inexistencia dunha norma municipal a este respecto, o concello limián tiña que se rexer pola lexislación autonómica, a pesares de contemplar esta a posibilidade de as administracións locais regulen esa competencia. O alcalde defende a exención dos vehículos de maior antigüidade a pesares de que se todos os propietarios deste tipo de medios de transporte solicitasen a exención, o concello deixaría de ingresar "algo máis de 2.200 euros" nas contas municipais. 

BOLSA DE EMPREGO DO CONCELLO

A administración local de Sandiás aprobou tamén, cun acordo de Alcaldía do pasado día 7 de novembro, a convocatoria dunha bolsa de emprego para un posto de "Auxiliar de atención de velorios, centro social, traballos de limpeza e outras tarefas dentro dos servizos de competencia obrigatoria dos concellos previstos na Lei 7/1985 de bases de réxime local". 

A duración da bolsa de emprego é dun ano –durante o 2017– prorrogable a outro máis. Cunha modalidade de contratación temporal laboral para "servizo determinado", seleccionarase ao traballador mediante un "concurso de méritos". O prazo para a presentación de solicitudes remata o vindeiro martes día 15.



 

Comentarios