martes 21/9/21
Parece que desta vez será a definitiva

32 millóns de euros para potenciar o sector agrícola da Limia

Serán aportados polo Goberno central e pola Xunta
2
Videoconferencia para rematar os acordos

A colaboración institucional liderada pola Xunta permitirá investir preto de 32 millóns de euros na potenciación do sector agrario da comarca da Limia. Así o destacou o conselleiro do Medio Rural, José González, que -acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén- está a manter esta tarde unha xuntanza telemática co secretario general de Agricultura y Alimentación do Goberno central, Fernando Miranda.
No encontro, o conselleiro agradeceu a implicación do executivo do Estado para facer posible a limpeza de canles e a modernización do regadío da Limia, mentres a Xunta se encargará de completar a rede de pozos. Foi nunha xuntanza na que tamén estiveron de xeito virtual representantes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez; o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga; o comisario de Aguas, Xoán Novoa; e os alcaldes da comarca da Limia.

1

En concreto, José González explicou que destes preto de 32 millóns de euros, un presuposto inicial estimado de 12 millóns irán destinados a sufragar a limpeza das canles da Limia e dos camiños paralelos, co fin de mellorar a xestión dos subprodutos gandeiros e das augas. O conselleiro agradeceu o compromiso manifestado ao respecto polo propio ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación, Luis Planas, en Conferencia Sectorial, para evitar e reducir a afectación medioambiental das prácticas agrogandeiras actuais nesta bisbarra ourensá.
Así mesmo, investiranse outros 15,9 millóns de euros nun proxecto de mellora da eficiencia e da sustentabilidade dos regadíos da Limia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia promovido polo executivo do Estado para facer fronte aos efectos da covid-19 coa axuda dos fondos europeos Next Generation. Unha cantidade da que o Goberno central achegará máis de 12,7 millóns, mentres a comunidade de regantes da Limia aportará os restantes preto de 3,2 millóns de euros.
A maiores, o titular de Medio Rural lembrou que o seu departamento destinará outros catro millóns de euros a completar este ano a rede de pozos do regadío da zona. Deste xeito, destacou, contribuirase ao impulso do sector primario da Limia, que achega case o 30% do PIB da bisbarra. Nesa liña, destacou que se trata dunha das comarcas con maior produción agraria de Galicia, tanto en produtos agrícolas (pataca e millo fundamentalmente), como en gandeiros (sobre todo porcino, avícola e vacún).
Así, o conselleiro manifestou que é importante unir os esforzos das distintas administracións co obxectivo de incidir na mellora da xestión das dexeccións gandeiras para así garantir a viabilidade do sector agrario e a calidade de vida e o benestar da poboación nese ámbito territorial.