martes 02.06.2020

Aprazadas ata 2021 as "Xornadas de Folclore", previstas para o vindeiro mes de agosto

Decisión topmada na  reunión telemática, do Comité de seguimiento do COVID-19 na provincia de Ourense
15-orense
15-orense

A Deputación de Ourense comunica o aprazamento ata 2021 das XXXVII "Xornadas de Folclore", previstas para o vindeiro mes de agosto. Dada a situación provocada pola crise do COVID-19 e o risco que suporía o desenvolvemento desta actividade -na que participan 190 persoas de grupos folclóricos de catro continentes e máis de 40 da organización- toma a decisión de aprazar as Xornadas, que ían celebrarse do 10 ao 19 de agosto de 2020 en 16 localidades da provincia: Celanova, Pobra de Trives, Viana do Bolo, Allariz, Entrimo, O Barco, Manzaneda, Verín, O Carballiño, Xinzo de Limia, Castro Caldelas, A Rúa, Ourense, Bande, Maceda e Ribadavia, como vén sendo habitual nestes anos, un espectáculo que congrega en total a máis de 20.000 persoas.

A decisión, comunicada hoxe polo presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, ao remate da reunión do Comité de seguimento do COVID-19 na provincia de Ourense, tómase despois de dialogar co equipo do Centro de Cultura Popular "Xaquín Lourenzo" e co director artístico das xornadas, Xulio Fernández, que aconsellan que debido ao momento tan complicado que se está a vivir se suspenda a presente edición. Tamén se tivo en conta a opinión de Francisco Javier García Gómez, director do Centro Residencial Docente de Ourense -no que estaba previsto o aloxamento de 210 persoas, entre participantes e colaboradores da organización-, quen consideraba pouco idónea a convivencia deste grupo durante dez días en dito centro.

Dado o prestixio deste festival, que a Deputación organiza desde 1984 con grande éxito e recoñecemento por parte dos amantes do folclore, sendo un dos eventos de maior repercusión na nosa provincia, o presidente da Deputación asegura "a continuidade nas próximas edicións", e afirma que as Xornadas de Folclore, un dos símbolos da defensa das tradicións e da unión dos pobos, volverán con máis forza para seguir enchendo de público, convivencia e cultura as diferentes localidades da provincia que visitan cada verán", afirma Manuel Baltar.

Ademais, para seguir mantendo o prestixio que a organización de Ourense ten dentro do CIOFF (Consejo Internacional de Organizaciones de Festivales de Folklore y de las Artes Tradicionales), a Deputación de Ourense decidiu que sexan os mesmos grupos confirmados para este ano -de Sudáfrica, Rusia, Corea, Arxentina, Irlanda do Norte e Taiwán- os invitados da próxima edición, que se celebrará entre o 9 e o 18 de agosto 2021. Desta maneira, a organización agradécelles a boa disposición manifestada e evita os prexuízos que puideran ocasionarlles os desprazamentos xa confirmados.