miércoles 28/7/21

Arredor do rural: Comunidade de accións e saberes

Acción, na que participa o CDR O Viso
333333333333333333333333333333

O CDR “O Viso” (xunto a outras organizacións) está a participar ó longo deste ano en “Arredor do Rural”. Convidados por David García Romero (GI Esculca Facultade de Ciencias da Educación, USC) e, a través das redes, sobre todo, levamos uns meses neste empeño.
Esta iniciativa posta en marcha a comezos deste 2021, en febreiro, aborda a construción dunha comunidade que quere reunir os esforzos de centros educativos e proxectos de desenvolvemento rural sostible para traballar conxuntamente pola construción da sostibilidade e a formación do alumnado para esta.
Elabórase arredor da Aprendizaxe-Servizo como ferramenta principal, pola súa capacidade para tecer colaboracións e orientarse ós Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
Esta comunidade ten como ámbito territorial a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
O 7 de maio participamos vía online no I Encontro Colectivos-Profesorado: Obradoiro de Propostas, do colectivo Arredor do Rural: Comunidade de Saberes e Accións que tivo lugar na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense. Este colectivo informal agrupa persoas do tecido educativo, incluído das tres universidades galegas, e do tecido asociativo/cooperativo no ámbito rural. Este primeiro encontro consistiu nunha xornada de traballo cooperativo entre profesorado universitario e persoas de colectivos para avanzar no deseño de proxectos de aprendizaxe-servizo para implementar o vindeiro curso.
Esta pasada semana estiveron David e Sara (Asociación Avoar) en Lodoselo e tivemos dúas reunións para seguir avanzando neste proxecto. Tratando de encaixar a formación universitaria e a práctica neste medio rural tan necesitado de xente moza. Na primeira delas contactamos con Bibiana Regueiro e Patricia Ruido (profesoras na USC de educacion social e pedagoxia) e tratamos de ir ensamblando as temáticas das súas materiais e a posible conexión coa nosa experiencia. O lecer e o tempo libre na discapacidade (entendida esta nun senso amplo de carencias, necesidades), benestar psicolóxico e calidade de vida, emprego e inserción laboral, a muller, os espazos educativos da familia, a mellora da interacción, situacións de risco, aprendizaxe por retos...
Na segunda participou Ramiro (CDR Ancares) e Carmela Sánchez (profesora na USC de economía) e centrámonos máis na análise do municipio/comarca, propostas de mellora, o medio ambiente como eixo de desenvolvemento e motor da economía contando coa xente...


E cuberto o requisito de podermos manternos como centro de prácticas, seguiremos colaborando xa sexa aquí ou acolá (Campus universitario) apostando por este modelo de Aprendizaxe Servizo: na reflexión a partir da experiencia, na transformación da identidade a partir da alteridade, na toma de conciencia social e na implicación nunha comunidade a través da construción de significados e metas compartidos.

Arredor do rural: Comunidade de accións e saberes