miércoles 5/8/20
Sociedade

A asociación Limisi Diverisidade Funcional busca fondos para mercar unha furgoneta

Limisi xurdiu no ano 2006 en Xinzo de Limia e actualmente conta con cinco traballadoras que atenden a un total de 11 usuarios no Centro Ocupacional.

Imaxe do calendario solidario de Limisi.
Imaxe do calendario solidario de Limisi.

A Asociación de Diversidade Funcional "Limisi" atópase na procura de financiamento para poder mercar unha furgoneta que facilite o desprazamento dos usuarios e a súa oferta de servizos. A organización limiá afronta a escaseza de recursos económicos coa constante promoción dos produtos que elaboran –como é o caso do seu recente calendario solidario, que aínda se pode adquirir–. Nos últimos anos sufriron unha importante reducción das axudas públicas, o que obrigou á asociación a experimentar tamén o autofinanciamento. Algunhas subvencións seguen a manterse, aínda que en menor cuantía, destacando a axuda que reciben da Obra Social La Caixa. Xunto con isto, a institución mantense tamén grazas ás cotas dos usuarios, ás doazóns privadas e ás vendas dos produtos de elaboración propia. Esta falta de recursos impídenlle acoller a aquelas persoas con discapacidade que requiren dunha atención máis especializada e concreta.

Na actualidad, ademáis da consecución da furgoneta, entre os obxectivos principais da organización atópase a creación dunha tenda onde vender os seus produtos e un piso tutelado no que algúns usuarios da asociación se poidan emancipar paulatinamente das súas familias.

Limisi xurdiu no ano 2006 en Xinzo de Limia e actualmente conta con cinco traballadoras que atenden a un total de 11 usuarios no Centro Ocupacional. A asociación naceu da necesidade de aumentar a autonomía das persoas da comarca con diversidade funcional de tipo intelectual e así asegurarlles un futuro para o momento no que as súas familias poidan continuar facéndose cargo delas. Limisi concentra as súas actuacións fundamentalmente no seu Centro Ocupacional, onde traballan a diario cos usuarios. Xunto co Centro Ocupacional, Limisi ofrece tamén un servizo paralelo chamado Gabinete Educativo Rehabilitador, no que atenden a persoas con problemas de comportamento, conduta ou fracaso escolar; e onde as mesmas traballadores chegan a prestar atención a un total de 30 usuarios e usuarias.

Comentarios