jueves 02.07.2020
Día da Muller

A Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia reclama igualdade real no Día da Muller

ACADAR publica un manifesto reclamando medidas a prol da igualdade de oportunidades e contra o feminicidio.

Imaxe de arquivo dun acto contra a violencia machista en Xinzo de Limia.
Imaxe de arquivo dun acto contra a violencia machista en Xinzo de Limia.

En 1908, en New York tivo lugar unha traxedia colectiva: 129 mulleres pecháronse en Cotton, unha fábrica téxtil na que traballaban co fin de conseguir o recoñecemento dos seus dereitos laborais. Esa mesma noite, morreron queimadas dentro, loitando.

En 109 anos, os dereitos laborais seguen sendo diferenciados en función do noso xénero e características persoais (raza, etnia, idade, discapacidade, orientación sexual...).

ACADAR, a Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia, ante un novo 8 de marzo, pon de manifesto o seu compromiso para promover a igualdade de oportunidades entre as persoas. Para isto, é preciso tomar conciencia da situación social da que formamos parte activa, dos retos e avances alcanzados así como daqueles que continuamos reivindicando.

Reivindicamos o exercicio e goce de cada un dos dereitos que socialmente se conseguiron. Alzamos a nosa voz para reivindicar unha cidadanía que teña presente que todas as persoas que formamos parte da sociedade temos os mesmos dereitos.

Na actualidade o feminicidio é un asunto de Estado, e unha parte de nós morre con cada voz calada. Millóns de mulleres en todo o mundo necesitan garantir dereitos tan básicos como o acceso á educación, ao traballo ou á participación política. É importante continuar o noso proceso de empoderamento para que as mulleres tomemos o control das nosas vidas en igualdade de condicións que o resto da humanidade.

É necesario que dende as Administracións Públicas se impulsen políticas sociais con perspectiva feminista, onde a discriminación de sexo deixe de existir. Abramos camiño e marquemos pegadas onde os roles de xénero e estereotipos sexan abertos á liberdade de elección de cada persoa no que a igualdade salarial sexa cousa do presente. 

Non podemos permitir que as mulleres vítimas de violencia de xénero se convertan en vítimas dun sistema inadecuado para atendelas por falta de vontade e de recursos. Nin unha menos.

Comentarios