martes 19/1/21

O Colexio de Xornalistas recrimina a El Mundo polo uso de "Guinzo de Limia" e máis erros

    O luns o xornal El Mundo publicaba unha noticia sobre os resultados das eleccións que se celebraron en Galicia. A peza recollía unha serie de topónimos deturpados que provocaron a reacción de multitude de persoas que pediron a inmediata correción por parte do medio de comunicación. 

Os erros cometidos eran de gran magnitude chegando a falar de "Guinzo de Limia" no canto de Xinzo de Limia, ou "Pollo" por Poio. 

Ante estes feitos o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia emitiu un comunicado para lembrar que "a lei 3/1983 de Normalización Lingüística, no seu artigo 10, establece que os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega". Sinalan que é a Xunta de Galicia a que se encarga de determinar os nomes oficiais dos concellos, núcleos de poboación e topónimos, polo tanto as denominacións en lingua autóctona son as únicas legais a todos os efectos.

Apuntan que "mesmo tendo en conta que o Libro de estilo de El Mundo establece que os nomes de poboacións de España [...] escribiranse en castelán, incluídas as poboacións daquelas comunidades autónomas con outras linguas oficiais, sempre e cando esta denominación estea acreditada historicamente, e obviando a dificultade en moitos casos de tal acreditación, resulta imposíbel considerar "acreditadas historicamente" denominacións como "Guinzo de Limia", "Pollo" ou "Nieves".

Pídenlle ó xornal El Mundo e ó resto de medios de comunicación presentes en Galicia que fagan uso dos topónimos galegos na súa forma oficial que é en lingua galega. 

Comentarios