martes 24/11/20

O Concello de Xinzo crea un Observatorio con Cáritas, O Viso e Cruz Vermella para detectar persoas con necesidades

Durante a pandemia atenderon en conxunto a 254 familias con vales para alimentos frescos, entregando perecedoiros ou pagando recibos e alugueres

O Goberno municipal está determinado a dar un impulso definitivo aos Servizos Sociais do Concello, especialmente agora, cando Xinzo e o resto do país se aventuran a un período de incerteza económica e social e, posiblemente, a unha crise profunda como consecuencia da Covid-19.

Despois dunha intensa actividade durante estes últimos meses, nos que desde o Servizos Sociais municipais entregaron vales para a compra de produtos frescos, alimentos perecedoiros ou se atenderon recibos de subministracións básicas, chega o momento de prepararse ante as próximas necesidades da poboación máis vulnerable, pero dun xeito coordinado para optimizar recursos e chegar á maior cantidade posible de xente.

Con este obxectivo, a alcaldesa, Elvira Lama, e o concelleiro de Servizos Sociais, Alberto Martínez, convocaron a todo o terceiro sector de Xinzo para deseñar unha estratexia conxunta de cooperación.

Á reunión asistiron, ademais de persoal municipal, representantes de Cruz Vermella, Cáritas e o CDR O Viso. O primeiro acordo, en base precisamente a esa necesidade de coordinación, é o de manter unha reunión mensual.

O acordo máis relevante, sen embargo, foi a creación dun Observatorio local de Servizos Sociais, cuxa principal finalidade será facer un seguimento a todas as familias e persoas con necesidades, detectar novas emerxencias entre os colectivos vulnerables e tratar de anticiparse, ampliando así o nivel de cobertura, tanto en calidade como cantidade, pero tamén a eficacia y eficiencia das axudas.

Nesta reunión constatouse por parte de todos os asistentes que a crise sanitaria e o confinamento provocaron que cada día sexan máis as persoas que buscan axuda para o pago de alugueres, recibos, subministracións básicas ou simplemente comida a través Banco de Alimentos.

Así, antes da crise sanitaria, desde os Servizos Sociais municipais se atendía a unhas 90 familas. Agora son xa 100 e 322 persoas, as que se lle entregaron vales para comida fresca, alimentos non perecedoiros e se lle axudou a pagar recibos de servizos básicos.

CÁRITAS.CDR O VOSO E CRUZ VERMELLA ATENDEN A MÁIS DE 200 FAMILIAS

                               Os servizos de Cruz Vermella atenderon durante a pandemia, a través do programa “Responde”, a 46 unidades familiares, con axudas en forma de vales de compra en supermercado. Agora están á espera de dar continuidade a este programa, así como ao incremento do número de voluntarios.

Cáritas, que estaba a atender a unha media de 50 familias antes da pandemia, atende agora a 66, distribuíndo tamén alimentos procedentes tanto de doazóns particulares na parroquia como do Banco de alimentos.

Desde o CDR O Viso están a atender a 120 familias de toda a comarca, das cales 38 son de Xinzo. Durante a pandemia ocupáronse de 6 familias máis. Reparten alimentos procedentes de doazóns de empresas (dúas veces ao mes) e axudan ao pago de recibos de subministracións básicas.

Por todo elo, durante a reunión púxose de manifesto a necesidade dunha comunicación periódica e a creación dun Observatorio de Servizos Sociais para analizar a situación das unidades familiares con problemas, así como para a detección daquelas persoas que antes da crise non entraban nos colectivos de risco pero que a súa situación mudou, sendo ademais agora as que máis temen achegarse a estas entidades a solicitar axuda.

A vocación deste Observatorio é, en palabras tanto de Elvira Lama como Alberto Martínez, incorporar a todas as entidades que queiran sumar e unir esforzos para cubrir as demandas de persoas vulnerables, pero tamén non escatimar esforzos para poñer a disposición todos os recursos propios e os doutras administracións, tanto estatais como autonómicas.

“Todos somos conscientes de que a situación se pode agravar durante este ano e ninguén pode quedar sen atención e axuda, que é precisamente para o que estamos tanto os Servizos Sociais municipais como as entidades do Terceiro Sector”, subliña Elvira Lama.