miércoles 3/3/21

As farmacias galegas colaborarán na detección precoz de novos casos covid

O programa de colaboración, que comeza co Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, estenderase nas vindeiras datas aos colexios oficiais de farmacia das restantes provincias

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, ofrecerá unha rolda de prensa para informar dos asuntos tratados no comité clínico. Tamén asistirán a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo; o xerente do Sergas, José Flores Arias.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, ofrecerá unha rolda de prensa para informar dos asuntos tratados no comité clínico. Tamén asistirán a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo; o xerente do Sergas, José Flores Arias.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou está mañá en rolda de prensa do comezo dun novo programa de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, que ten por obxectivo incrementar a capacidade de detección de novos casos covid entre persoas asintomáticas.

A iniciativa botará a andar na xornada de mañá coa posta en marcha do programa piloto, no que participaran seis farmacias da provincia de Pontevedra. Neste senso, prevese que desde a vindeira semana se incorporen progresivamente as 235 farmacias desta provincia, que figuran inscritas neste plan ata o de agora, e cuxo prazo de inscrición permanece aínda aberto.

O titular da carteira sanitaria da Xunta apuntou que esta colaboración estenderase no transcurso das próximas semanas ao conxunto das oficinas de farmacia das restantes provincias galegas que, dun xeito voluntario, queiran adherirse ao programa.

Deste xeito, as oficinas de farmacia galegas ofrecerán kits de saliva ás poboacións diana establecidas pola Consellería de Sanidade, inicialmente ás persoas de entre 40 e 64 anos, para, posteriormente, enviar estas mostras ao Laboratorio de Microbioloxía de Vigo, onde se analizarán. Así, unha vez avaliadas, comunicaráselle o resultado ás persoas participantes e, no caso de obter un resultado positivo, realizaráselles unha proba PCR.