Galicia despide unha primavera moi cálida e con precipitacións dentro da normalidade

image_gallery
Galicia despide unha primavera moi cálida e con precipitacións dentro da normalidade

O mes de maio deixou unha anomalía media de +3.32 ºC, feito que o define como extremadamente cálido e converténdoo no maio máis cálido rexistrado en toda a serie dende 1961. As chuvias de maio rexistraron unha anomalía media de case un 50% por debaixo do normal

Galicia viviu unha primavera climatolóxica moi cálida e normal en canto ás precipitacións. Estas foron as principais características dun período que estivo marcado pola variabilidade, diversidade e tempo cambiante, tal e como se recolle no resumo do informe estacional elaborado por MeteoGalicia.

Así, a temperatura da primavera de 2020 (meses de marzo, abril e maio) foi moi cálida, con unha anomalía positiva na temperatura media de +1.68 ºC. Os tres meses estiveron caracterizados por tempo cambiante, pero en xeral os días de frío foron suaves, con mínimas moito máis cálidas do normal.

Marzo estivo caracterizado pola variabilidade e a diversidade de situacións. A anomalía media da temperatura foi de +0.32 ºC, o que fai que o mes poida considerarse no conxunto de Galicia como lixeiramente cálido. Este valor debeuse principalmente ás temperaturas mínimas que resultaron cálidas (anomalía de +0.63 ºC),xa que as máximas se mantiveron dentro do rango normal (anomalía de +0.02 ºC).

IMG_20200507_212736

O mes de abril quedou caracterizado por un tempo moi cambiante tamén (propio do inicio da primavera), pero cun predominio da inestabilidade atmosférica. Isto explica as grandes anomalías de temperatura, con valores diúrnos normais -que deixaron a media das temperaturas máximas preto da normalidade-; mentres que as mínimas foron moito máis elevadas do agardado (anomalía de +2.31 ºC), xa que apenas apareceron noites despexadas e con vento en calma, que son as que nesta época poden deixar temperaturas moi baixas. A anomalía media da temperatura de abril situouse nos +1.39ºC (maioritariamente debido ás mínimas), polo que se considera un mes como moi cálido.

A primavera rematou cun mes de maio extremadamente cálido, pero con dúas metades ben diferenciadas: a primeira quincena estivo caracterizada polo tempo irregular e cambiante, que foi bastante suave. Pola contra, na segunda, a estabilidade foi a predominante, deixando tempo seco e con temperaturas moi elevadas, o que impulsou a media cara arriba. As máximas (cunha anomalía de +4.15ºC) e as mínimas (cunha anomalía de +2.49ºC) estiveron en media moi por riba do normal nesta época do ano; polo que a media de maio foi de +3.32 ºC, cualificándose o mes como extremadamente cálido e converténdoo no maio máis cálido rexistrado en toda a serie dende 1961.

Precipitacións normais da primavera

Polo que respecta ás precipitacións, a pasada primavera moveuse dentro da normalidade se as comparamos co período de referencia 1981-2010, cun marzo e abril normal e un maio moi seco. O informe de MeteoGalicia conclúe que a cantidade de chuvia media recollida foi de 307 litros por metro cadrado.

Por meses, o comportamento de marzo tendeu a superar os valores normais, grazas as chuvias rexistradas na primeira semana, cando as borrascas foron moi activas e deixaron cantidades significativas de precipitacións, cunha anomalía media dun 40% por riba. En abril, tamén volveron a estar por riba do agardado, un 8%, debido as situacións frontais con máis frecuencia do habitual.

No mes de maio, as chuvias estiveron en xeral por debaixo do habitual, principalmente debido á ausencia de chuvias xeneralizadas na segunda quincena do mes. As precipitacións rexistradas foron de tipo convectivo, moi irregularmente repartidas, que fixeron que en puntos concretos as chuvias puidesen ser normais ou mesmo superiores ás agardadas en maio, sen embargo, a anomalía media das precipitacións para este mes de maio en toda Galicia, foi dun 49% por debaixo do normal, polo que o mes considerase como moi seco, tendo en conta o conxunto da Comunidade.

Así, analizando as precipitacións esta primavera sitúase moi próxima á do ano pasado, ambas dentro da normalidade e moi afastadas da do ano 2018, que foi a segundo máis húmida da serie histórica.