sábado 19/6/21

A Garda Civil e a Policía Nacional efectuaron 520 controis na provincia de Ourense nos últimos 14 días

Neles foron identificadas 1.453 persoas, controláronse 1.040 vehículos, realizáronse 265 inspeccións no sector da hostalaría con  185 propostas de sanción.

Controis GC e Policía (Foto cedida)
Controis GC e Policía (Foto cedida)

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, presidiu esta mañá unha reunión de coordinación coas diferentes forzas e corpos de seguridade da provincia para realizar un seguimento dos dispositivos de seguridade vencellados á actual situación sanitaria. Na xuntanza, celebrada na Subdelegación do Goberno, participaron mandos da Garda Civil, da Policía Nacional, da Policía Autonómica e da Policía Local de Ourense.

Durante a reunión, as forzas e corpos de seguridade fixeron balance das actuacións levadas a cabo durante os últimos catorce días para garantir o cumprimento das medidas ditadas polo Goberno autonómico. En total, do 10 ao 23 de maio a Garda Civil e a Policía Nacional realizaron 520 controis e 265 inspeccións en establecementos de hostalaría. Nos dispositivos identificouse a 1.453 persoas, controláronse 1.040 vehículos e eleváronse 185 propostas de sanción.

O subdelegado do Goberno sinalou que tanto a Policía Nacional como a Garda Civil continuarán desenvolvendo tarefas de vixilancia e información de acordo coas medidas publicadas no Diario Oficial de Galicia e daquelas que valide o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. En concreto, a prioridade será a vixilancia das zonas con maior incidencia da COVID-19, as situadas no nivel máximo de risco, no que actualmente se atopa o concello de Lobios. Ademais, prestarase especial atención durante as fins de semana ao cumprimento das medidas relativas aos horarios e ás reunións.