miércoles 01.04.2020

A plataforma veciñal Auga limpa xa! solidarízase con Manuel García

condena as ameazas como método de tentar agochar unha grave problemática que afecta ás comarcas da Limia e da Baixa Limia
augas limpas xa
augas limpas xa

A plataforma veciñal Auga limpa xa! solidarízase con Manuel García, do Movemento Ecoloxista da Limia (MEL), e condena as ameazas como método de tentar agochar unha grave problemática que afecta ás comarcas da Limia e da Baixa Limia. É intolerable que persoas que fixeron visible a realidade da contaminación das nosas augas por nitratos estean recibindo cartas ameazantes e citacións nos xulgados por parte de Coren.

Esta plataforma formouse hai pouco máis dun ano por veciños e veciñas de diferentes concellos e de diversos ámbitos preocupadas polo estado das nosas augas. Baseámonos en datos oficiais, que dende a Confederación Hidrográfica do Miño Sil e dende o propio Ministerio de Transición Ecolóxica publicaron. Este mesmo verán recoñeceron que as augas do encoro das Conchas estaban contaminadas por nitratos de orixe gandeiro e en catro puntos da Limia, en risco.

A industria cárnica e as administracións, nomeadamente a Xunta de Galicia, deberían ter a responsabilidade de recoñecer o problema, solucionalo e non mirar cara outro lado. É urxente un plan de xestión integral e eficaz dos xurros que xeran as granxas intensivas e que estes gastos sexan tidos en conta como custos de produción. En ningún momento apuntamos aos granxeiros e granxeiras en intensivo como culpables, o problema é un modelo perverso de produción industrial de carne barata que fai vulnerables tamén a eles mesmos, enriquecendo só a moi poucas persoas.

É preciso virar cara un modelo sostible de produción de carne, que desintensifique a carga gandeira e deixe máis beneficios nas comarcas da Limia e da Baixa Limia. Unha transición cara un modelo respetuoso co territorio, coa biodiversidade, coa saúde da veciñanza e cos petos dos gandeiros e gandeiras. Reclamamos prezos xustos para a súa produción e que non teñan que asumir eles os riscos produtivos mentres son as integradoras, as distribuidoras e as comercializadoras as que levan os maiores beneficios. Só hai que botarlle un ollo ás estatísticas para comprobar que esta produción intensiva que contamina as nosas augas e a nosa terra, non xera riqueza e non frea o despoboamento das nosas aldeas e vilas. Seguiremos exercendo o noso dereito a reclamar Auga limpa xa!