martes 21/9/21

O presidente do Comité Olímpico Español, Alejandro Blanco, Premio Ourensanía 2021

“Por toda unha traxectoria vital e profesional dedicada ao mundo do deporte, tanto desde a práctica persoal como polo seu destacado papel na defensa do labor que realizan as federacións deportivas, pero sobre todo como firme valedor do movemento olímpico, o que lle valeu o recoñecemento ao seu traballo por parte do Comité Olímpico Internacional”.

Alejandro Blanco
Alejandro Blanco.Presidente COE

O xurado do Premio Ourensanía 2021, reunido esta mañá en San Pedro de Rocas baixo a presidencia de Manuel Baltar, acordou por unanimidade conceder este galardón ao presidente do Comité Olímpico Español, Alejandro Blanco, “por toda unha traxectoria vital e profesional dedicada ao mundo do deporte, tanto desde a práctica persoal como polo seu destacado papel na defensa do labor que realizan as federacións deportivas, pero sobre todo como firme valedor do movemento olímpico, o que lle valeu o recoñecemento ao seu traballo por parte do Comité Olímpico Internacional”.

Tralo remate da reunión, Manuel Baltar comunicou telefonicamente a Alejandro Blanco a decisión do xurado, que segundo expresou o gañador do Premio Ourensanía 2021 “representa un inmenso orgullo”. O presidente provincial quixo destacar o traballo realizado polo presidente do comité “para afrontar os Xogos Olímpicos de Tokyo, uns dos máis difíciles da historia polas circunstancias de todos coñecidas, e que foron todo un éxito para o noso país pois o 55,5 % dos deportistas que representaron a España están entre os oito mellores do mundo, sexan medallistas ou obtiveran diploma olímpico, ademais de ser o terceiro país máis representado no deporte por equipos, tan só por detrás de Estados Unidos e Australia, o que supón tamén un éxito engadido”. Con esta distinción, engadiu Baltar, “tamén estamos reivindicando o esforzo que desde a Deputación de Ourense vimos de facer para situar ao deporte como unha das nosas fortalezas, conseguindo que Ourense sexa sede de destacados eventos nacionais e internacionais”.

Reunión do xurado do Premio Ourensanía no Mosteiro de Rocas. Asisiten Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense),  Luis González Tosar (escritor); Jesús de Juana López (Catedrático Emérito de Hisotira), Patrícia Torres Madureira (Deputada de Cultura), Juan Luis Saco Cid e Aurelio Gómez Villar (Asesor de Cultura da Deputación Ourense).

Alejandro Blanco Bravo (Ourense, 1950), licenciado en Ciencias Físicas, está vinculado no mundo deportivo ao Judo, no que é cinto negro 7 Dan, adestrador e árbitro. Ocupou varios cargos directivos nesta disciplina, chegando en 1993 á presidencia da Real Federación Española de Judo e Deportes Asociados, ademais de ser un dos destacados impulsores da constitución, en 2003, da Confederación de Federacións Deportivas Españolas. O 30 de setembro de 2005 foi nomeado presidente do Comité Olímpico Español, sendo reelixido en 2009, 2013 y 2017, ademais de presidir tamén a candidatura de Madrid para os Xogos Olímpicos de 2020.

Blanco Bravo foi designado polo Comité Olímpico Internacional en diversas ocasións como mediador para Sudamérica na resolución de conflitos entre os comités nacionais e os seus respectivos gobernos. Eloxiado polo propio COI polo seu traballo, Blanco destaca tamén pola firme defensa da independencia do movemento olímpico e do deporte e o papel que xogan as federacións deportivas.