martes 24/11/20
Aberto novo prazo de inscripción

Quedan 48 prazas vacantes nos campamentos de Carballiño e Trives

O prazo para anotarse finalizará ata tres días antes do inicio de cada actividade e quedan prazas dispoñibles nas quendas de xullo e agosto

campamentos-de-veran-2020-xunta-de-galicia
campamentos-de-veran-2020-xunta-de-galicia

A provincia de Ourense acollerá dous minicampamentos do programa ‘Coñece Galicia’, actividades que se desenvolverán en aloxamentos turísticos distribuídos por toda a xeografía galega en estancias de cinco días, de luns a venres. A Consellería de Política Social xunto coa de Cultura e Turismo impulsan esta iniciativa, que é unha das principais novidades da Campaña de Verán deste 2020 e que completa a programación de campamentos tras a necesaria adaptación das actividades ao novo escenario provocado pola covid-19.

Os minicampamentos que se inclúen nesta proposta pódense consultar na páxina web de Xuventude . O prazo de inscrición finalizará ata tres días antes do inicio de cada actividade.

Na actualidade quedan 48 prazas dispoñibles das ofertadas nos dous minicampamentos que se desenvolverán no hotel O Xardín, O Carballiño, centrado en actividades multiaventura e de inmersión e coñecemento do patrimonio natural e cultural;  e no hotel As Maceiras, na Pobra de Trives, dedicado a actividades de aventura e de coñecemento de paraxes naturais. Así os interesados en participar nestas actividades poden  inscribirse no programa Descubre a natureza, na Pobra de Trives, nas quendas do 20-24 de xullo (con 15 prazas dispoñibles), do 27-31 xullo (11 prazas libres), e do 3-7 agosto (6 prazas dispoñibles); e Aventura no Arenteiro, no Carballiño, nas quendas do 27-31 xullo (11 prazas para cubrir) e do 17-21 agosto (6 prazas).   

image_galleryOs minicampamentos están dirixidos a nenas e nenos empadroados en Galicia que teñan entre 10 e 14 anos no momento da solicitude. O obxectivo deste novidoso programa é apoiar a adquisición de competencias e habilidades por parte das persoas máis novas, ao mesmo tempo que se fomenta o coñecemento da riqueza natural e patrimonial de Galicia, así como o coidado do medio ambiente e o ocio educativo.
A reserva de prazas efectuarase a través do formulario electrónico de inscrición, que estará dispoñible tamén na web de Xuventude. Admítese a inscrición en ata tres quendas de programas, indicando a orde de preferencia de participación. A adxudicación de prazas será por rigorosa orde de inscrición, ata cubrir a totalidade das ofertadas.
Todos os programas teñen un custe total de 125 euros por participante, con descontos do 50% para os membros de familias numerosas e monoparentais, e do 25% para usuarios do Carné Xove. As persoas participantes deberán cumprir as medidas persoais de hixiene e prevención obrigatorias fronte á covid-19.

‘Coñece Galicia’ propón unha variada oferta de actividades de cultura urbana e ocio activo, de multiaventura e coñecemento do patrimonio natural e cultural, de turismo de natureza e educación ambiental, de coñecemento de paraxes naturais e mariñas ou de desfrute do medio rural, entre outras alternativas. Os lugares onde terán lugar os minicampamentos, ademais dos dous da provincia ourensá, son Ribeira; Foz; Monforte; a contorna dos Ancares; Covelo; Lalín; O Grove; Silleda e as comarcas do Salnés, do Deza e do Morrazo.

A Campaña de Verán deste ano da Xunta, que leva por título O verán que necesitas, pon á disposición da mocidade 6872 prazas en diferentes actividades e campamentos, que comezarán na segunda quincena de xullo e se prolongarán ata comezos do mes de setembro.