jueves 15/4/21

Reunión de traballo para a revisión do Plan Termal de Sustentabilidade Turística

Analizaron  os puntos clave e as accións para actualizar a información desta candidatura ante a Secretaría de Estado de Turismo

Reunión de traballo para a revisión do Plan Termal de Sustentabilidade Turística - 1
Reunión de traballo para a revisión do Plan Termal de Sustentabilidade Turística - 1

O presidente e a xerente do Inorde, Rosendo Fernández e Emma González, respectivamente, mantiveron hoxe unha reunión de traballo co delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; co director da Fundación Juana de Vega, Jose Manuel Andrade; e coa responsable da área de Desenvolvemento Rural da Fundación, Beatriz Suárez, para ultimar o proxecto “Ourense Provincia Termal” na convocatoria dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino do presente ano.

Reunión de traballo para a revisión do Plan Termal de Sustentabilidade Turística - 2Esta reunión de traballo chega logo de que o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acordaran presentar a candidatura do Plan de Sustentabilidade Turística de “Ourense provincia termal” á convocatoria mencionada anteriormente, e que esixe que estean coordinados coas Comunidades Autónomas.

O Inorde, organismo a través do que a Deputación de Ourense vai canalizar este proxecto, procederá nas vindeiras semanas a analizar os puntos clave e as accións para actualizar a información deste documento. Así mesmo, Rosendo Fernández adiantou que haberá que facer de novo unha consulta aos actores do sector público e privado para lograr as adhesións adecuadas e que o Plan contribúa a lograr eses obxectivos de desenvolvemento da provincia termal cun enfoque, sobre todo, de sustentabilidade.

Pola súa parte, o delegado territorial sinalou que “Ourense conta cun importante número de concellos ricos en recursos termais, pero que precisan dun plan e de axudas para poder explotalos economicamente e como fonte de riqueza no turismo de saúde e benestar”. Por elo, este plan desenvolvido pola Deputación de Ourense é tamén unha oportunidade para xerar emprego na provincia, fixar poboación e frear a emigración.