domingo. 24.09.2023
O próximo sábado 2 de setembro

Todo a punto para as Olimpiadas Rurais da Limia.

12 equipos inscritos", número que xa sobrepasa ás últimas Olimpiadas, nas que participaron 8 grupos.
IMG-20230824-WA0014
Organizadores co cartel e o primeiro premio

A menos dunha semana da segunda edición das Olimpiadas Rurais Interpobos da Limia, xa está todo en marcha e a bo ritmo, a falta unicamente de perfilar os últimos detalles para que todo saia redondo.

Segundo Borja Rubén, o presidente do colectivo RAS que colabora co CDR O Viso na organización da xornada, "agárdase que esta nova edición supere amplamente á do ano anterior en número de participantes posto que, a falta dunha semana, contamos xa con 12 equipos inscritos", número que xa sobrepasa ás últimas Olimpiadas, nas que participaron 8 grupos.

As probas nas que os diversos equipos deberán medir as súas forzas e destrezas, van dende probas individuais coma os lanzamentos ou a loita galega, ata probas que implicarán ó grupo completo, coma as carreiras de relevos ou o esperado campionato de brilé. Por outra banda, nesta edición, ademais de incorporar a proba estrela do pasado ano: o lanzamento de pataca, "contaremos cos vintos a modo de exhibición, para que os asistentes descubran e aprendan sobre este xogo popular en toda Galicia e con especial arraigo nas aldeas da Raia", informa Borja Rubén.

Programa probas
Programa probas

Ademais, esta nova edición das Olimpiadas Rurais Interpobos contará con numerosos premios e, ao longo da xornada, realizaranse diversos sorteos nos que se rifará gran cantidade de material de establecementos relacionados co deporte, clubes deportivos e outras entidades do eido social. "Contamos xa cun considerable número de colaboradores, que supera con creces ó da pasada edición: arredor duns 5 negocios locais, 8 clubes deportivos coma o Antela F.C. e organización e entidades sociais coma Limisi", sinala o presidente do colectivo RAS, quen ademais quixo aproveitar a ocasión para lanzar un reto aos concellos da comarca: "Hai un ano gañou Vilar de Santos, que pasa co resto dos concellos da Limia? Onde están Sandiás, Trasmiras, Rairiz de Veiga...? Van permitir que os actuais campións reediten a vitoria?".

Teremos que agardar aínda uns días para saber que sucede, mentres tanto... Sorte a todos e que gañe o mellor!

A actividade enmárcase no Programa Iniciativa Xove da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, polo que conta co financiamento da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia; así coma coa colaboración do Concello de Xinzo de Limia.