domingo 20/6/21

As xornadas sociosanitarias darán voz en Xinzo a familiares de pacientes para falar da toma de decisións ao final da vida e os coidados ao longo dela

O sábado 5 de xuño na Casa da Cultura de Xinzo
programa xinzo 2021-2(1)

Serán a voz da experiencia. Unha decena de poñentes, entre médicos, enfermeiros, farmacéuticos, traballadores sociais ou incluso familiares de pacientes, compartirán os seus coñecementos e vivencias na xornadas sociosanitarias que se retomarán este sábado na Casa da Cultura de Xinzo. Despois dun parón pola pandemia, a iniciativa volve con forza á vila baixo o título “Acompañando ao longo da vida”. Cómpre recordar que se trata dun proxecto premiado coa primeira beca de Medicina Rural pola Asociación de Médicos Galegos e a Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia.

As intervencións comezarán ás 9.45 horas coa presentación e benvida da alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama. Dúas mesas redondas compoñen a programación. A primeira xirará entorno aos procedementos nos coidados do paciente e trataranse temas tan interesantes como a morte eticamente asistida ou a nutrición en persoas maiores e en pacientes en situación paliativa. Na segunda mesa serán protagonistas as vivencias de médicos, traballadores sociais e incluso de familiares de pacientes, que falarán de asuntos como os prexuízos en coidados paliativos ou os coidados e a toma de decisións ao final da vida. A clausura está prevista para as 13.30 horas a cargo de Félix Rubial, xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valadeorras.

Estas xornadas que agora volven a poñerse en marcha en Xinzo foron deseñadas para favorecer o encontro dos axentes que atenden á poboación e os veciños para describir problemas relacionados coas enfermidades e a forma de afrontalos. O Concello agarda que esperten gran interese entre a cidadanía, xa que tal e como se explica no plan de traballo desde proxecto, nunha zona rural como a de A Limia a relación entre pacientes, coidadores, institucións municipais e organizacións sociais é estreita.

Os interesados en asistir á xornada deberán anotarse previamente nos números de teléfono 988 461 442  ó  604 078 053. Tamén será posible inscribirse a través do correo electrónico [email protected]

Neste concello con poboación maior, pacientes pluripatolóxicos con coidadores de similar idade e sen servizo de hospitalización a domicilio, ademais dun problema médico existe unha problemática social. Cómpre destacar que nesta área nunca se levou a cabo un proxecto destas características.