A Xunta de Goberno da Deputación aprobou unha axuda de 20.000 € para a Asociación Musical de Trasmiras

Pablo Pérez
A Xunta de Goberno da Deputación aprobou unha axuda de 20.000 € para a Asociación Musical de Trasmiras

Tamén aprobou as bases do XVI Premio de narración e ilustración “Pura e Dora Vázquez”

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada hoxe as bases reguladoras e a convocatoria da XVI edición do Premio de narración e ilustración “Pura e Dora Vázquez”. Así o informou o deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez, quen deu conta hoxe dos acordos adoptados pola dita Xunta, correspondentes ao venres 12 de abril de 2019.

As bases do certame teñen por obxecto regular a selección dunha obra que será premiada pola Deputación de Ourense dentro do concurso de narración infantil e xuvenil “Pura e Dora Vázquez”, na súa décimo sexta edición. Así, poderán presentarse autores de calquera nacionalidade, sempre que presenten os seus orixinais en lingua galega.

As obras presentadas terán temática libre e serán adaptadas ao público infantil ou xuvenil, sendo os textos presentados inéditos, totalmente orixinais e deberán cumprir as seguintes características: terán unha extensión mínima de 25 páxinas e máxima de 100, formato A4, escritos en programa Word, fonte tipográfica Times New Roman cun tamaño de letra de 12 puntos e interliñado 1,5.

A presentación das obras deberá realizarse do seguinte xeito: de maneira presencial, entregando un exemplar da obra en sobre pechado indicando no seu exterior “Premio Pura e Dora Vázquez, modalidade de narración”, na oficina de asistencia ao cidadán en materia de rexistros; ou ben remitindo por correo certificado o exemplar da obra en sobre pechado indicando o mesmo no seu exterior ao enderezo do Rexistro Xeral da Deputación de Ourense (rúa Progreso, 32. 32003-Ourense). No caso de que as obras se remitan por correo certificado deberá remitirse por correo electrónico á dirección publicacions@depourense, unha copia do xustificante do envío emitido pola oficina postal.

Asemade, as obras que se remitan terán que ir asinadas exclusivamente con pseudónimo e dentro do sobre introducirase outro sobre pechado en cuxo exterior figurará o pseudónimo do autor e título da obra, e no seu interior deberá incluír o título da obra, nome e apelidos, pseudónimo do autor, enderezo postal e electrónico, teléfono e número de DNI. Os interesados en participar no certame teñen de prazo para presentar os orixinais ata o 20 de maio de 2019. O premio para esta modalidade de narración está dotado con 1.500 euros.

Ilustración

Na modalidade de ilustración poderán presentarse os ilustradores de calquera nacionalidade que presenten os seus orixinais, non menos de dez, tomando como base o texto premiado na modalidade de narración desta edición. As ilustracións deberán adaptarse ao tamaño do libro que será o seguinte: a ilustración de portada: 145 x 210 mm., tamaño visible da portada co libro pechado, sen sangue. 513,6 x 216 mm., tamaño total incluído solapas, contraportada e sangue; e as ilustracións interiores: 296 x 216 mm., sobre páxina con sangue. A presentación dos orixinais rexerase polas mesmas regras establecidas para os traballos da modalidade de narración anteriormente citadas.

Os interesados en participar poderán presentar os seus orixinais ata o día 2 de setembro de 2019, sendo o premio para esta modalidade tamén de 1.500 euros.

O xurado, en ambas modalidades, estará composto polo presidente da Deputación de Ourense ou persoa na que delegue, e por catro vogais escollidos dos distintos ámbitos da cultura de Galicia, actuando como secretaria, con voz pero sen voto, a xefa da Sección de Arquivo e Publicacións da Deputación. Os vogais serán designados pola Comisión Informativa de Cultura e Deportes e Mocidade da Deputación a proposta dos grupos políticos da Corporación.

A Deputación de Ourense publicará a obra premiada, tanto o texto como as ilustracións, e distribuirá gratuitamente os exemplares necesarios para os centros de lectura da provincia de Ourense.

Cooperación

En materia de cooperación, a Xunta de Goberno aprobou un total de 376.092 euros en axudas a entidades e concellos da provincia para o desenvolvemento de iniciativas de índole medioambiental, cultural, deportiva e de infraestruturas. En concreto, na xuntanza aprobouse unha axuda para a Asociación Musical de Trasmiras, por importe de 20.000 euros, para os gastos de funcionamento da entidade correspondentes ao curso 2018-2019.