jueves 15/4/21

A Xunta posibilitará aos cidadáns que se vacinen obter un certificado dixital de vacinación

image_gallery
Conselleiro Sanidade

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou hoxe, en rolda de prensa, dos acordos do comité clínico celebrado no día de hoxe. O titular da carteira sanitaria do Executivo galego destacou que a Xunta de Galicia vai posibilitar, a partir da primeira quincena de abril, aos cidadáns que se vacinen, acceder a un certificado dixital que poderá ser validado a través da súa sede electrónica.

Así, -tal e como explicou o conselleiro-, cada vez que se realice a administración dunha vacina, ou se produza un resultado negativo dunha PCR, ou teña lugar unha recuperación recente da infección, será posible xerar un documento asinado dixitalmente que se almacenará na historia clínica. Estes certificados terán un código QR que servirá para validar que están emitidos pola Consellería de Sanidade. Esta comprobación poderase realizar na sede electrónica da Xunta.

Segundo informou García Comesaña, a Comisión Europea presentou, o 17 de marzo, un proxecto lexislativo para a emisión dun Certificado Verde Dixital cos mesmos criterios para todos os países da UE. O seu principal obxectivo é impulsar a mobilidade entre os países da UE durante a vixencia da pandemia. Trátase dun conxunto de certificados que emitirán os estados membros de ter recibido a vacinación; ter dado negativo en covid; e terse recuperado recente da infección. Deben poderse emitir en formato dixital e en papel, incluír un código QR para garantir a súa autenticidade, estar impresos no idioma ou idiomas do estado emisor e en inglés, e distribuírse de xeito gratuíto.

Tal e como explicou o conselleiro, os prazos da posta en marcha do Certificado Verde Dixital sitúan ao mes de xuño como data na que se poderán emitir en España. Será un traballo conxunto entre o Ministerio de Sanidade e todas as comunidades autónomas.