miércoles 30/9/20
Durante a fin de semana arderon en todos os lumes da provincia unhas 6.600

Arde, arde, arde: Limia e Baixa Limia concentran a metade da hectáreas queimadas ata o de agora en Ourense

A Limia e a Baixa Limia están sendo as comarcas da provincia máis atacadas polo lume no que a número de hectáreas queimadas se refire. Comezou a fin de semana co lume de Vilar de Barrio como un dos principais de todo Ourense, e vén de ser superado polo de Lobios, onde son xa 2.000 hectáreas as arrasadas polas lapas. En Rairiz foi preciso decretar a Situación 2.  
As lapas e a morte estiveron onte, en Rairiz, á carón. | FOTO: Noelia Caseiro.
As lapas e a morte estiveron onte, en Rairiz, á carón. | FOTO: Noelia Caseiro.

Medio Rural vén de actualizar o número de hectáreas arrasadas na provincia na última fin de semana. Sen contar as queimadas no lume de Cualedro -aínda que está moi próximo á Xinzo pertence á comarca da Verín-, na Limia e na Baixa Limia arderon, ata o de agora, a metade delas: 3.000 das 6.600 estimadas

Cualedro

Permanece decretada como medida preventiva a Situación 2 no incendio rexistrado no Concello de Cualedro, parroquia de Montes, pola proximidade do lume ao núcleo de Carzoá. O incendio iniciouse ás 14:48 horas do domingo e, segundo as últimas estimacións, afecta unhas 800 hectáreas. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. Para o seu control mobilizáronse 4 axentes, 8 brigadas, 7 motobombas, 5 pas, 6 helicópteros e 4 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Rairiz de Veiga

Desactivada a Situación 2 no lume declarado ás 13:44 horas do domingo por proximidade do lume ao núcleo de Guillamil, na parroquia de Sabariz do municipio de Rairiz de Veiga, que permanece activo arestora. Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta unhas 260 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse 7 axentes, 12 brigadas, 12 motobombas, 2 pas e 9 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Lobios

Dende as 19:40 horas do sábado está activo un lume no municipio de Lobios, parroquia de Río Caldo, que afecta o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta unha superficie de arredor de 2.000 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 5 axentes, 20 brigadas, 6 motobombas, 1 pa, 6 helicópteros e 5 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Vilar de Barrio

Continúa activo, dende as 11:52 horas do sábado, o lume rexistrado no Concello de Vilar de Barrio, parroquia de Rebordechau. De acordo coas últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de arredor de 700 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse polo de agora 11 axentes, 33 brigadas, 17 motobombas, 2 pas, 10 helicópteros e 14 avións.

Comentarios