O Concello apoiará con 1.000 euros a todos aquelas familias que leven a cabo un proxecto empresarial e vital no municipio de Vilar de Barrio

2019122723371831300
O Concello apoiará con 1.000 euros a todos aquelas familias que leven a cabo un proxecto empresarial e vital no municipio de Vilar de Barrio

Os presupostos de 2020 en Vilar de Barrio inclúen axudas para os emprendedores

O Goberno local aprobou o pasado venres no último pleno do ano os presupostos do ano 2020 cos votos a favor do grupo de goberno (BNG e PSOE) así como de Ciudadanos, contando coa abstención do PP

As partidas monetarias destinadas ao próximo ano, que ascenden a un total de 1.073.12 euros, tratan de axustarse “á realidade que temos neste momento como Concello”, asegura a tenente alcalde, Soraya Briz.

Entre as iniciativas máis novidosas atópase a aprobación de dotar con 1.000 euros a todos aquelas familias que leven a cabo un proxecto empresarial e vital no municipio de Vilar de Barrio. Con esta axuda, o goberno local trata de fomentar a inversión no crecemento do concello, así como o número de xente xoven que “se dedique a explotar os recursos naturais que temos”, afirmou o edil do grupo de goberno, Samuel Formoso.

A maiores desta iniciativa emprendedora, o Concello contempla tamén varias obras e adquisicións. Entre elas, o Concello recibirá unha subvención de 85.000 euros do Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía para introducir alumeado de tipo LED no municipio, co obxectivo de reducir tanto o consumo como a contaminación, nunha liña mais ecolóxica.

Outra das adquisicións recoñecidas polo Concello é unha báscula instalada no entorno de Gomareites e Bóveda para o uso dos agricultores do municipio, valorada en 15.000 euros, así como un tractor desbrozador por esta mesma cantidade. Ademais, Briz asegura que reservan unha partida de 15.000 euros para a renovación da piscina municipal e que “gracias a unha inversión de 11.000 euros tamén se poderán rehabilitar algúns camiños veciñais”.

Finalmente, entre as pequenas inversións atópanse a reposición de fontes públicas, a posta en marcha dunha paxina web municipal, a adquisición de mobiliario para o Concello ou a adquisición de bancos de pedra e equipos par procesos da información. Todo isto nun eixo de entre 1.000 e 8.000 euros cada unha.