miércoles 30/9/20
Tamén permanece activo un lume no Concello de Lobios que afecta ao parque natural do Xurés

As lapas xa arrasaron máis de 100 hectáreas no Concello de Vilar de Barrio

Dous lumes iniciados este sábado levan calcinadas, ata o de agora, máis de 120 hectáreas na comarca da Limia. En Rebordechau, Vilar de Barrio, son máis de 100. Na parroquia de Río Caldo, no Concello de Lobios, son unhas 20 e afectan, unha vez máis, ao parque natural do Xurés. 

As lapas achegáronse perigosamente ás vivendas de Rebordechau, en Vilar de Barrio.
As lapas achegáronse perigosamente ás vivendas de Rebordechau, en Vilar de Barrio.

Continúa activo, dende as 11:52 horas de onte sábado, o lume rexistrado no concello de Vilar de Barrio, parroquia de Rebordechau. De acordo coas últimas estimacións provisionais, afecta a unha superficie de arredor de 100 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse polo de agora 7 axentes, 22 brigadas, 10 motobombas, 2 pas, 9 helicópteros e 12 avións.

Lume en Rebordechau, Vilar de Barrio.Así se vía o lume na serra de Vilar de Barrio dende a autovía A - 52 ao seu paso por Xinzo onte á noite. 


Ata as tres da noite, as vivendas da aldea de Rebordechau tiveron moi preto as lapas, segundo confirma o rexedor municipal Manuel Conde. Este incendio tamén rexistrou un par de feridos, dous integrantes das brigadas de extinción da BRIF de Laza. Un deles, natural de Verín, foi trasladado ao hospital comarcal con queimaduras de segundo grao nunha das súas pernas e a súa evolución é favorable. 

Lobios

Dende as 19:40 horas de onte está tamén activo un lume no municipio de Lobios, parroquia de Río Caldo, que afecta o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta a unha superficie de menos de 20 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 3 axentes, 8 brigadas e 3 motobombas.

Comentarios