miércoles 12/8/20
Continúan os magostos na comarca da Limia

A Arca da Noe celebra este sábado o seu magosto cun concerto de Alexander Anistratov

O gaiteiro ruso -e xa case galego- Anistratov é intérprete de música folk e tradicional. 

Alexander Anistratov (esquerda) cun gaiteiro verinense.
Alexander Anistratov (esquerda) cun gaiteiro verinense.

A Arca da Noe, local cultural por excelencia de Vilar de Santos, acolle este sábado, día 19, a celebración do seu magosto popular. Unha semana despois do evento outonal organizado polo consistorio en Parada, os veciños e visitantes da vila limiá volverán desfrutar dunha nova celebración do magosto.

No menú da cita haberá churrasco, chourizos, castañas, viño e unha gran foliada. O prezo será de 10€ e é necesario anotarse antes da propia xornada do sábado.

A festa comezará arredor das 19 horas e, para amenizar o evento, os asistentes poderán desfrutar dun concerto a carg do gaiteiro ruso Alexander Anistratov. Este virtuoso moscovita da cornamusa -aínda que verinense de corazón- é coñecido por ser un grande intérprete da gaita celta, tanto da súa variedade irlandesa, como da escocesa e, por suposto, da galega. Fillo de escultor, ademáis de tocalas, tamén fabrica toda clase de gaitas en Pipesland, o seu taller de fabricación musical en Moscova. Agora vive en Verín e, aínda que non remata por dominar a lingua galega, xa ten sorprendido a moitos polo seu coñecemento arredor da nosa música popular. 

Comentarios