miércoles 26.02.2020

O Concello de Vilar de Santos pecha o exercicio de 2015 con débeda cero

O Concello de Vilar de Santos pecha o exercicio de 2015 con débeda cero

    O Concello de Vilar de Santos fixo públicos os datos resultantes da Conta Xeral do exercicio 2015 que recollen a realidade económica que vive o municipio que goberna Xan Jardón e o seu equipo. 

A través dun comunicado trasladaron as cifras que reflicten que pechan 2015 cun orzamento positivo de 65.085,92 euros, síntoma de que o Concello deu financiado a súa actividade e proxectos. "É un saldo que permite coñecer, e polo tanto, expresa a solvencia ou capacidade económica que temos para afrontar as débedas e compromisos financeiros", destacan dende o consistorio. 

O Remanente de Tesourería para gastos xerais foi de 257.979,25 euros, un 5% máis respecto ao ano 2014. Un excedente de liquidez destinado a reforzar e financiar un maior volume de gasto para a inversión produtiva e novos proxectos, segundo fontes municipais.

Estes datos económicos que fixeron públicos amosan que o Concello de Vilar de Santos a día de hoxe ten débeda pública cero e non teñen pagos pendentes a proveedores. Destacan que cumpriron cos principios de eficiencia e estabilidade orzamentaria e sostibilidade financeira. Enganden que "estes datos e cifras da Conta Xeral foron xerados e logrados grazas á xestión e ao control e racionalización dos gastos correntes municipais, pero sen renunciar á inversión o que permitiu operar con máis eficacia e máis autonomía e alcanzar os obxectivos previstos a pesar das limitacións e restricións impostas polo goberno central e a Xunta".

O alcalde de Vilar de Santos, Xan Jardón, sinala que "a nosa capacidade e solvencia permite afrontar o futuro con melloras nos servizos públicos esenciais, así como acometer os investimentos necesarios para o desenvolvemento do concello con recursos propios e atendendo todos os compromisos para seguir avanzando no benestar social e na mellora da calidade de vida para todos os veciños e veciñas".

Así as cousas dende o consistorio reclaman un novo modelo de financiación para os concellos nos ingresos do Estado e da Xunta, e a transferencia a Galicia das competencias en materia de réxime local para prestar á veciñaza todos os servizos que precisan.

Comentarios