lunes 30/11/20

Vilar de Santos continua co cambio a LED na iluminación pública de varios pobos

Nesta novo proxecto proxecto a inversión será de 47.000€

O  Concello de Vilar de Santos comezou a execución do  proxecto de “Eficiencia enerxética na iluminación pública de Toxediño, A Venda, Bréixome de Abaixo, Bréixome de Arriba e Laioso” por un importe de 47.000 euros, unha nova fase do ambicioso proxecto de renovación global da iluminación pública de todo o concello.

O Concello elaborou un Estudio de Sustentabilidade Ambiental da iluminación pública municipal, realizado en novembro do 2016, un instrumento de planificación, xestión e seguimento que ordena de xeito integral os esforzos a realizar en materia de aforro e eficiencia enerxética no alumeado público. Nel puidemos comprobar o funcionamento, o estado dos compoñentes, os consumos enerxéticos e os custes de explotación e sobre todo e máis importante, determinar as prioridades de actuación e as fases previstas para levalas a cabo, co obxecto de mellorar a eficiencia e reducir o consumo enerxético e o gasto económico; adecuar e adaptar as instalacións á normativa vixente, os niveis de iluminación regulamentarios e reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro.

A rede de iluminación publica implica o maior porcentaxe do gasto enerxético municipal. Con este novo proxecto e coas reformas previstas actuaremos nesta fase nos pobos de Toxediño, A Venda, Bréixome de Abaixo, Bréixome de Arriba e Laioso. Substituiremos 83 luminarias de vapor de sodio de alta presión e baixo consumo, por lámpadas con tecnoloxía de semicondutores LED que na súa fabricación non conteñen mercurio. As lámpadas e equipos que integran as novas luminarias incorporan equipos auto regulables que funcionan con programación reducindo os niveis de iluminación a partir dunha hora determinada. Os centros de mando e control do alumeado tamén incorporarán melloras con descargadores de sobretensión permanente e transitoria, diferenciais re armables e reloxos astronómicos.

Prevemos un aforro enerxético anual de 18.152,38 kW. h/ano que supoñen unha redución do 67,39 % do consumo enerxético actual mantendo uns niveis de iluminación apropiados conforme á normativa en vigor. Producirase un descenso da potencia contratada do 32% o que implica que o concello vai pagar só pola potencia que necesita, o que suporá un aforro económico directo segundo prezos de mercado actuais na factura municipal da luz do 72%, ao que tamén temos que engadir o aforro previsto no gasto de mantemento, practicamente do 100%. O aforro enerxético anual implicaría unha diminución das emisións de CO2 á  atmosfera, feito que incide directamente e de forma moi importante na mellora ambiental de: 9.965,55 kg de CO2 anuais

Na seguinte fase xa prevista e orzamentada, actuaremos nos pobos do Vieiro, O Mosqueiro e A Ponte, co cal teremos substituído a totalidade do alumeado municipal.

Compre lembrar que no ano 2018 comezamos coa substitución da iluminación convencional no Parque empresarial, por lámpadas con tecnoloxía LED cuns resultados completamente satisfactorios. No pasado ano 2019 investimos 159.545 euros nunha axuda estatal do Ministerio para la Transición Ecológica para un proxecto de Renovación e mellora no alumeado dos pobos de Barrio, Vilar de Santos, a travesía de Vilar de Santos-Castelaus, nas Casas da Veiga e no pobo de Castelaus. Neste ano 2020 xa executamos o proxecto de mellora en Parada e Outeiro.

Imos ter unha mellora substancial na calidade e eficiencia do alumeado municipal e sobre todo imos manter os consumos controlados, con aforros inmediatos, importantes e significativos. Ese aforro tan importante, poderemos destinalo a atender outras necesidades e solicitudes  veciñais e outros proxectos cos que pretendemos seguir modernizando e mellorando os servizos municipais, máis amplos e de maior calidade.

Vilar de Santos continua co cambio a LED na iluminación pública de varios pobos