miércoles 26.02.2020

Vilar de Santos elimina dous vertedoiros incontrolados que contaminaban o medio ambiente

Vilar de Santos elimina dous vertedoiros incontrolados que contaminaban o medio ambiente

    O Concello de Vilar de Santos procedeu a eliminar dous vertedoiros incontrolados situados un na propia vila e outro na parroquia de Parada. 

As tarefas de limpeza leváronse a cabo nestes días para eliminar residuos que se foron acumulando nos últimos anos. En concreto retiráronse 50 metros cúbicos de plástico, 700 de refugallos mesturados, 70 de residuos forestais, 2 toneladas de restos voluminosos e 120 quilogramos de aparellos eléctricos. 

Ante estas grandes cantidades de lixo foi preciso facer uso da maquinaria pesada para retiralo da zona. Agora eses espazos foron acondicionados con herba para "lograr a máxima restauración ambiental e integración paisaxística", destacan dende o Concello.

Estes traballos foron posibles a raíz dun convenio coa Consellería de Medio Ambiente enmarcado no programa Feder Galicia 2014-2020.

O certo é que xa no ano 2012  o Concello de Vilar de Santos eliminou outro vertedoiro incontrolado duns 3000 metros cadrados. O terreo onde se acumulou o lixo estaba preto de Casas da Veiga, en concreto na marxe dereita da canle da Lagoa. Nesa ocasión o convenio fora asinado co Ministerio de Medio Ambiente e a Asociación da Reserva da Biosfera da Area de Allariz da que Vilar de Santos forma parte.

 

Comentarios