miércoles 26.02.2020
Obras

Vilar de Santos investiu 244.000 € na renovación e mellora de infraestruturas

O alcalde anuncia tamén novos investimentos para o 2017.

Imaxe da pavimentación en Mosqueiro.
Imaxe da pavimentación en Mosqueiro.

Cun investimento global de 244.274,21 euros, o Concello de Vilar de Santos rematou a execución de varios proxectos incluídos nun "Programa de Infraestruturas" con diversas actuacións de renovación e mellora viaria e das infraestruturas públicas municipais durante o último trimestre do ano 2016.

Cun orzamento total de 48.834,21 euros e dentro do Plan Marco realizouse a mellora de camiños municipais de acceso a explotacións agrarias; cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, realizouse un proxecto de mellora de camiños en Laioso, Outeiro, A Venda, Castelaus e Casas da Veiga. Estas actuacións contemplaron un total de 3,3 kilómetros de acondicionamento dos camiños de acceso. 

Pista parcelaria 2

Con financiamento da Vicepresidencia e Consellería de Administracións Públicas e Xustiza realizouse outro proxecto de mellora de camiños por importe de 42.350 euros. Este último contemplou a execución dun total de 15 kilómetros de camiños agrícolas da concentración parcelaria coa limpeza de cunetas, entubado e nivelación. Estas actuacións, segundo o rexedor local Xan Jardón, eran "moi demandadas polos veciños e de suma importancia tanto desde o punto de vista das infraestruturas como desde a actividade agraria para tratar de previr os efectos negativos do encharcamento e desbordamentos de auga nos camiños e nas terras de cultivo, así como manter a actividade e dinamismo no sector agrogandeiro do municipio".

No Parque Empresarial de Santa Marta e con financiamento da Consellería de Economía e Industria xunto co consistorio, executouse un proxecto de mellora no acceso e conexión coa estrada provincial OU-1114, cun importe global de 25.590 euros. Esta nova actuación complementa as instalacións e infraestruturas no Parque Empresarial para atraer a inversión e instalación de novas empresas e servizos.

Captacion-manancial Salgueiron

Por outra banda, incluído no Plan Provincial de Cooperación de Obras e Servizos 2016 coa Deputación, executouse unha inversión de 52.500 euros para un proxecto de obras de mellora no acceso de Parada-Vieiro e construción dun muro de contención no acceso a Casas da Veiga. Con outra inversión adicional de 50.000 euros tamén se melloraron accesos no Mosqueiro, Parada, A Venda e Toxediño.

Tamén cunha axuda da Deputación, vén de rematarse a mellora do abastecemento de auga potable na parroquia de Parada, que abastece aos núcleos de Parada, Outeiro, O Vieiro, A Ponte, O Mosqueiro e Castelaus. Esta actuación conlevou obras nos mananciais e captacións de Salgueirón e Cerredelo, así como redes de distribución e a súa interconexión coa Rede Municipal de Augas. A inversión foi de 25.000 euros.

Acceso e muro Casas da Veiga 2

O Concello realizou un esforzo adicional en traballos de desbroce e limpeza en todos os pobos e espazos públicos, así como o mantemento de camiños forestais e cortalumes e a limpeza dos regatos e desaugadoiros. Tamén, e coa finalidade de "mellorar as posibilidades de conservación e uso" actuouse na recuperación de camiños tradicionais e na rede de sendeiros do concello, nun total de 19 kilómetros "totalmente aptos" para realizar rutas camiñando ou en bicicleta BTT. Concretamente foi nos sendeiros de Castelaus, do Ruxidoiro e de Parada.

Acceso e muro Casas da Veiga 1

Dende o goberno local informan que outras intervencións e proxectos de infraestruturas e dotación de servizos públicos "están xa en marcha ou ben planificados con investimentos para este ano 2017".

Vilar de Santos investiu 244.000 € na renovación e mellora de infraestruturas
Comentarios